Ponteareas | O Concello de Ponteareas clausura a segunda edición das residencias artísticas de Artistea. Baixo o título “Emerxe Artistea” a residencia acolleu unha nova edición na que potenciar os novos talentos nas disciplinas de banda deseñada e documental.
Sete residentes e seis proxectos que puxeron o foco nas tradicións, cultura e patrimonio de Ponteareas. Raquel Díaz cos seus “Xestos invisibles”, Iago Pousa con “Fonte de memoria”, Iria Fernández con “O Rito dos Namorados”, Eva Antelo con “Gastarbeiter”, Agustín González e Daniel Martínez con “EuroPenas”, e Komorevi con “A miña amiga Nantia” recrearon outras perspectivas de vivir Ponteareas.
As lembranzas de neno na casa dos avós en Cristiñade; as paisaxes como testemuño do amor e das relacións e perdas; as formacións rochosas como un parque de atraccións sen fin; os traballadores convidados da emigración; personaxes chegados da época castrexa e as lembranzas da infancia protagonizaron os proxectos desta nova residencia.
Explica a concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas, que ao longo da pasada semana recibiron unha clase maxistral do recoñecido debuxante Miguel Anxo Prado, aberta tamén á cidadanía; formáronse en emprendemento no CEDEP; coñeceron o Museo de Ponteareas, visitaron o Castro de Troña e afondaron no patrimonio natural e histórico de Ponteareas como o Castelo do Sobroso ou a Pena dos Namorados.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, convidou ás e aos residentes a propor, a debuxar Ponteareas, a documentar o pasado e presente da vila e das 23 parroquias e a non deixar de investigar adiantándolles que contarán co apoio do Concello para promover a edición e divulgación dos seus estudos e proxectos relacionados con Ponteareas.
“Agradecemos moito a súa participación e que confiaran en Ponteareas para crear, para aprender e para descubrir”, sinalaba a alcaldesa na súa intervención no acto público de presentación de traballos organizado na residencia Artistea.
A residencia Artistea promove o coñecemento de Ponteareas e a promoción da arte en todas as súas disciplinas ademais de ser un dinamizador cultural, social e económico e de posicionar ao Concello vencellado a estas disciplinas nas axendas de creadores de todo o mundo.