Ourense | A directora adxunta de Expourense, Emma González, é a nova xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Esta foi a proposta trasladada pola presidencia do organismo provincial ao Consello Reitor, órgano que validou definitivamente o nomeamento, tal e como consta nas bases do procedemento de selección.
A candidatura de Emma González foi a mellor valorada entre o total de 14 que presentaron a súa candidatura para ocupar unha posto vacante desde a xubilación hai case dous anos de José Manuel Rodríguez González logo de case dúas décadas no cargo.
A elección do novo xerente era unha prioridade para o presidente do Inorde, Rosendo Luis Fernández Fernández, dado que entre as súas funcións estará a xestión de proxectos con fondos europeos nun momento en que está prevista a chegada de varios millóns polo plan de recuperación pola Covid. A Deputación suprimiu a condición de que a persoa elixida para o cargo debía ser funcionaria.