Emotiva e inesquecíbel homenaxe do Ateneo Amado Garra a Guillermo Rodríguez no 40 aniversario de A Peneira

Unhas 200 persoas acompañaron ao fundador e director de A Peneira este 9 de agosto en Ponteareas

Ponteareas | Preto de 200 persoas acompañaron o pasado venres 9 a Guillermo Rodríguez con motivo da homenaxe que o Ateneo Amado Garra lle tributou en Ponteareas coincidindo co 40 aniversario do xornal A Peneira.

Nunha sala multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo ateigada de amizades, familiares e personalidades da vida política, social e cultural, Andrea González, neta de Guillermo Rodríguez, foi a encargada de conducir o acto. Tras a actuación de apertura da cantante Uxía Senlle, Andrea González repasou de forma completa e concisa a biografía do seu avó, mestre, xornalista e activista social.

De seguido tomou a palabra o Presidente do Ateneo Amado Garra, Roberto Mera. Tras salientar que “só por este acto xa pagou a pena crear o Ateneo Amado Garra hai apenas oito meses”, Mera abordou a traxectoria de Guillermo Rodríguez e A Peneira establecendo un paralelismo histórico con Amado Garra e o xornal El Tea, fundado e dirixido polo líder agrarista entre 1908 e 1936.

Logo da súa intervención proxectouse un audiovisual, producido por Emilio Rodríguez Otero, guionizado polo propio Mera e sustentado no arquivo gráfico de A Peneira e da filla do homenaxeado, Susi Rodríguez. O documental achegou ao público as contribucións de Guillermo Rodríguez e A Peneira á sociedade e ao País. A través de imaxes, moitas delas históricas e simbólicas, lembrouse o legado de A Peneira como hemeroteca imprescindíbel para entender os últimos 40 anos de Ponteareas e as comarcas do sur de Galicia, e como arquivo gráfico excepcional, con milleiros de fotografías nas que quedou documentada boa parte da nosa historia recente. Ademais, salientouse o compromiso de A Peneira e de Guillermo Rodríguez coa lingua galega, única, xunto co portugués, empregada no xornal, e a promoción da cultura galega a través das súas páxinas ou de suplementos como Kalaikia ou O Farelo, revista de humor gráfico, na que colaboraron os principais creadores do noso país. A aposta pola integración do espazo galego portugués, a través de iniciativas como A Peneira Minhota ou Novas do Eixo Atlántico tamén foi lembrada no traballo audiovisual.

O apoio á escola e á educación, a través da Peneira na Escola, ou do deporte, coa Peneira Deportiva, tamén foron destacadas e deron paso ao papel das editoras da Peneira, EGASUR e Edicións Alén Miño, na publicación de traballos de investigación histórica e obras literarias ao longo destes corenta anos. Por último, salientouse a aposta de Guillermo Rodríguez polo debate, a análise e a reflexión a través de iniciativas como o Club de Opinión Alén Miño ou o Foro A Peneira, que organizaron nestas décadas actos e xornadas con importantes ponentes.

Tras o audiovisual tomaron a palabra diferentes amizades de Guillermo Rodríguez como Anxo Serafín Porto e Francisco Candeira, ambos os dous profesores e investigadores históricos, Miguel Barros, profesor e escritor, Santiago Veloso, profesor e coordinador de A Peneira na Escola e de Ponte nas Ondas e Monse Rodríguez, filla do homenaxeado. Todos e todas salientaron a entrega de Guillermo Rodríguez e o seu carácter incansábel e comprometido co xornalismo e con numerosas causas sociais.

Ademais destas intervencións en vivo, Guillermo Rodríguez e A Peneira recibiron no audiovisual o recoñecemento de outras persoas como a xornalista Amparo R. Ojea, o fotógrafo Ricardo Grobas, o xornalista Xurxo Salgado, o debuxante Xosé Lois “O Carrabouxo”, a representante da Entidade Regional de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Cristina Mendes,.o xornalista deportivo Terio Carrera, o escritor e xornalista Manrique Fernández, a escritora Fina Casalderrey, a cantante Uxía Senlle, o exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana, o mestre e ex-alcalde do Porriño Raúl Francés, o director do Festival de Cans, Alfonso Pato ou a presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui Maite Isla.

Tras as intervencións, e por desexo da Alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, acompañada do presidente do Ateneo Roberto Mera, fixo entrega a Guillermo Rodríguez dun recordo en nome do Concello e deu os parabéns ao homenaxeado. Outro tanto fixeron os amigos de Guillermo Rodríguez na asociación Chambo Libris que preside actualmente.

O acto rematou cunha nova actuación de Uxía Senlle quen incluíu no seu repertorio final varias cancións populares galegas con variacións na súa letra adicadas á Peneira e Guillermo Rodríguez. Tras o evento, case un cento de asistentes desfrutaron dunha cea cóctel servida polo Restaurante O Castelo no parque da Feira Vella, rematando a festa no pub JJ Copas da localidade.

O Ateneo Amado Garra amosouse moi satisfeito coa resposta social e a repercusión da homenaxe, lembrando, a través do seu Presidente Roberto Mera, que “non hai actividade máis gratificante que o acto de xustiza consistente nun recoñecemento público a quen o merece. E non é casualidade que fagamos esta homenaxe porque con ela tamén rescatamos a tradición e a cultura dos recoñecementos en vida tan habituais nos tempos de Amado Garra e dos que el tamén foi protagonista como homenaxeado”. Dende a súa creación en decembro de 2023 o Ateneo Amado Garra celebrou homenaxes e actos de recoñecemento ao propio Amado Garra, aos republicanos Alejandro Viana e Francisco Candeira, responsabeis da evacuación dos republicanos en Francia e, agora, a Guillermo Rodríguez.