Redondela | O novo Director da Axencia de Turismo de Galicia, Jose Manuel Merelles, que xa visitara recentemente Redondela nunha xornada do sector turístico organizada pola Asociación de Empresarios de Redondela, recibiu aos representantes da entidade na sede da Axencia de Turismo de Galicia en Santiago para abordar con máis detalle as propostas da entidade.
A Asociación de Empresarios de Redondela ven impulsando un grupo de traballo composto por representantes das empresas asociadas do sector turístico que está a servir como motor de iniciativas para a planificación e promoción da actividade Turística.
Os datos da evolución do sector chaman a por en marcha canto antes un plan de actuación baseado nunha estratexia conxunta e coordinada de todos os axentes públicos e privados con competencias e interese no sector.O momento é clave dado o rumbo apuntado polo datos estatísticos. O director de Turismo de Galicia aposta pola coordinación tamén coa Deputación de Pontevedra para por en marcha as iniciativas para a valorizacion dos recursos turístico do territorio.
Os elementos do patrimonio industrial que alberga a zona, a oportunidade do litoral e o espazo da Rede Natura, a riqueza forestal do entorno interior da ría, a riqueza histórica da zona ou a confluencia dos camiños conforman algúns dos eixos deste plan de actuación que a Asociación de Empresarios se mostra esperanzada de poder levar a cabo e que se sumen todas as entidades e empresas con interese en promover o desenvolvemento turístico de forma sostible e xerador de valor para todo o territorio.