Ourense | A Deputación de Ourense vén de publicar as bases para a participación de empresas e autónomos de servicios turísticos da provincia na Feira Internacional de Turismo Interior, Intur, que se celebrará en Valladolid en novembro.
Canalizada a través do Inorde, dentro do convenio subscrito con Turismo de Galicia, esta acción de promoción abre por primeira vez a posibilidade de que as empresas ourensás do sector poidan participar de forma agrupada na feira a través do expositor que a Deputación de Ourense terá neste evento.
As empresas seleccionadas terá cubertos os custos de inscrición en Intur Negocios, transporte colectivo e aloxamento dunha noite, tendo que realizar un copago de 15 euros. Ademais, está prevista unha xornada de formación previa para organizar as súas citas e axenda de traballo en Intur Negocios.
Mediante esta iniciativa, a Deputación de Ourense da un paso máis na promoción da provincia como destino turístico de calidade, axudando ademais a adaptar a oferta existente á demanda e servir, ao tempo, de soporte a novas iniciativas turísticas.
As empresas interesadas en participar nesta delegación ourensá xa poden presentar as súas solicitudes na sede electrónica da Deputación ata as 24.00 horas do día 27 de setembro. As bases para esta convocatoria están á súa disposición en inorde.com. Intur Negocios celébrase o 14 de novembro, xornada exclusiva para profesionais e durante a que se desenvolven as citas de traballo. Na propia feira, do 15 ao 17, haberá unha presentación da provincia no expositor da Deputación para axencias de viaxes da área de Valladolid e da comunidade de Castela e León no seu conxunto. Na foto a caseta do Inorde da edición de 2023.