Redondela | O Goberno central atendeu a petición dos colectivos memorialistas e do Concello de Redondela para protexer un dos lugares relacionados coa ditadura franquista máis emblemáticos de Galicia: a illa de San Simón, onde houbo un campo de concentración entre 1936 e 1943. A partir do mes de agosto a illa será, xunto co Pazo de Meirás, “Lugar da Memoria Democrática”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa “gran satisfacción” por este recoñecemento “a un dos lugares da represión franquista máis emblemáticos de Galicia” e agradeceu “a gran labora da Iniciativa Galega pola Memoria”. Rivas lembrou que desde o Concello reclamouse á Xunta de Galicia o pasado mes de outubro “a recuperación da Fundación Illa de San Simón para xestionar os usos deste espazo e velar pola memoria histórica”.