Cristina Maró, artista e produtora, preséntanos no seu documental “Doc Way” o patrimonio cultural, natural e social da Ruta Xacobea e do Camiño Portugués de Santiago. “Doc Way” foi seleccionado para o programa da Xunta de Galicia “O Teu Xacobeo”, orientado a dinamizar social e culturalmente o Camiño e a promoción do Xacobeo 2021. Maró contou para Novas do Eixo Atlántico as súas vivencias durante o traxecto e o documental, e os seus próximos proxectos.
Que pode contarnos sobre a realización do Documental Doc Way sobre o Camiño Portugués de Santiago?
Foi unha experiencia marabillosa. Disfrutamos de lugares fermosísimos que os temos ao lado da casa e que descoñecíamos e aprendimos moito da nosa cultura e do noso patrimonio. E ao final e có que un se queda porque foi un proxecto que custou moito levalo a cabo. Xuntáronse problemas de saúde persoais coa pandemia e a suma deses factores deron como resultado que se retrasase a finalización do documental.
Xusto cando tiñamos que empezar a rodaxe en Xuño de 2019 empecei con problemas nun xeonllo que rematou nunha operación de menisco. Teño que recoñecer que fixen o Camiño con moita dor. Comezamos a rodaxe a fináis de febreiro cando a palabra coronavirus xa non soaba como algo que só estaba en China. Atopábamonos con moi poucos peregrinos. Chegamos a Santiago o 13 de marzo ao mediodía. Ao chegar a Catedral atopámola pechada porque acabábase de decretar o estado de emerxencia sanitaria en Galicia e aos dous días, o 15 de marzo, decretaban o estado de alarma e nos confinaron a todos durante 3 meses e 6 días.
Pra min foi un tempo moi valioso, non o podo negar, porque ese plazo adiqueino a editar a serie e tomar conciencia de todo aquilo que se podía mellorar polo que en xuño remontamos a rodaxe. Estou segura que a realización deste proxecto non a esqueceremos na vida.
Que vivencias e testemuñas pode transmitirnos cando realizou este percorrido de 120 quilómetros de Tui ata Santiago?
A nosa peregrinación a Santiago foi un poco diferente a facer o Camiño de forma lineal ou continúa. Voltábamos tódalas noites a durmir a casa. Facíamos tramos en coche e outros repetíamolos 10 ou 12 veces. Sempre digo que o noso Camiño foron máis de 120 Km. Tivemos moi boas experiencias, coñecimos a peregrinos de moitas partes do mundo e tivemos una resposta deles inmellorable. Dous dos capítulos de Doc Way son as testemuñas de peregrinos e persoas que viven do Camiño. Así que enriquecémonos de todas as súas historias e aprendimos moito deles.
Como está sendo a receptividade social e institucional a este documental?
A verdade que ata agora as sensacións foron positivas tanto a nivel institucional como a nivel social. Estamos pendentes de facer a presentación en diferentes concellos pero, por mor da pandemia, tivemos que pospoñelas. Agardamos que podamos facelo antes do verán. Pero afortunadamente temos plataformas online onde expoñela e deste xeito chegue a xente de todas as partes do mundo.
Como foi o apoio do programa “O Teu Xacobeo” para a realización deste documental?
Foi un proxecto que se presentou as axudas de “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia para promocional o Camiño de Santiago e foi elexido entre máis de cen candidatos Grazas a este tipo de programas, a Xunta de Galicia axuda a financiar unha parte do proxecto e o resto tivemos que buscalo a través de patrocinios e fondos propios.
Este Camiño ten un importante patrimonio material, natural e social, tanto na súa vertente pola costa como polo interior. Que destacaría esencialmente dese patrimonio?
E moi dificil contestar a esta pregunta porque a totalidade do Camiño é destacable e non podería nomear nada en particular porque sempre me deixaría algo atrás. O capítulo 1 trata de como o Camiño xera unha grande riqueza cultural, tanto no pasado como nos nosos días por alí por onde pasa. Aquí podemos disfrutar concellos coma o de Tui que posúe o segundo Conxunto Histórico máis importante de Galicia. E do patrimonio natural, estou nas mesmas. Galicia é fragas, ríos, monte, mar, Galicia é natureza e fermosa mires por onde a mires.
Ten previsto a presentación do seu Documental a nivel internacional para dar difusión a este Camiño?
A webserie documental de 4 capítulos está subtitulada ao español, inglés e portugués. A nosa idea sempre foi que para o proxecto non houbese fronteiras. Enviamos a webserie a comunidades galegas de diferentes partes do mundo (de Bos Aires, México, Bruxelas…) e tamén estamos facendo promoción en páxinas e blogs de peregrinos. A verdade e que estamos moi satisfeitos porque está a recibir visitas de todas partes do mundo. Doc Way é un producto transmedia, ten cabida nas diferentes plataformas e, neste caso, internet é unha fiestra aberta a todo o mundo.
O Camiño Portugués de Santiago ven rexistrando un auxe no interese turístico nestes últimos anos. Este 2021 da pandemia tamén é Ano Santo Xacobeo. Que expectativas ten co respecto á afluencia de turistas polo Camiño Portugués de Santiago?
A ruta portuguesa é a segunda máis importante despois da francesa. Cada ano crece o número de peregrinos que elixen esta senda. Agora está de moda que os peregrinos fagan primeiro o Camiño francés e logo, o portugués. A rota portuguesa ten unha grande beleza. É máis chá e pouco montañosa polo que é sinxela para o peregrino. No ano 2018, 81.663 peregrinos fixeron esta rota e no ano 2019 foron 94.649, un total de 12.986 peregrinos máis en 2019 que en 2018. Polo tanto, imáxinémonos canto crecerá no ano 2021/22 que como ben dís son Anos Santos. Eu creo que o incremento será brutal. Estamos a vivir unha situación a nivel mundial excepcional. Creo que sairemos desta máis fortes e con gañas de saír, de conectar coa natureza e cun mesmo, de realizar deporte ao aire libre, e que mellor que o Camiño para facer todo nun. Creo que van ser uns anos moi especiais e agardo de todo corazón que así sexa.
Para 2021 ten previsto continuar con este proxecto grabando o Camiño dende Porto, así como o da Vía da Prata por Ourense. Que pode comentarnos sobre estes proxectos?
Temos moitas gañas de realizar estes proxectos. A rodaxe dende Oporto tiñamos que empezala fai uns meses pero a situación complicouse ao comezo. Por outra banda, estamos coa preproducción de Doc Way Vía da Prata que tamén entra dentro do programa “O Teu Xacobeo”. Doc Way Vía da Prata será un docu-reallity. Viviremos coa peregrina a experiencia de facer o Camiño, vivindo as súas dificultades e logros e todo acompañado dun seguimento diario en RRSS facendo de Doc Way Vía da Prata un proxecto trasmedia. A verdade que realizar calquera tipo de proxecto ao redor do Camiño é un privilexio para nós. Porque ademáis de estar en contacto coa natureza, que sempre é un regalo, vivimos en primeira persoa a experiencia de facer o Camiño e compartímola con moitísima xente. Qué máis se pode pedir.