En galego, agora e sempre…na vida e na morte.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, nos corenta e catro anos de actividades ininterrompidas, garda nos seus arquivos unha amplísima memoria. Foron anos nos que as dificultades aparecían unha veces como obstáculo herdados do pasado, e outras de malintencionadas actitudes de moitos políticos.

Pero como o que aqui conta é que chegamos vizosos a estes tempos, é cousa de relatarlles como se desenvolveu o último acto organizado na parroquia de Lira (Salvaterra). Porque ali, o pasado día 16 de novembro, celebrouse o Día da Restauración da Memoria Lingüística que ten como lema motivador os versos de Ramón Cabanillas: “En galego, agora e sempre; na vida e na morte. Sempre que galego!”.

Esta actitude lingüística foi a que mantiveron en vida todos os que nos precederon. Grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua da seu. Xentes con elementais coñecementos pero que que atesouraron a inmensidade de saberes que ao longo dos séculos fóronse transmitindo de xeracións en xeracións. A lingua galega foi transportada por esas xentes desde hai mil anos. Chegou a nós coa riqueza necesaria para que sexa un idioma único, con personalidade fonética e gramatical de seu. Nel escribíronse os textos máis representativos da cultura universal. Coas súas palabras construíuronse imaxinarios populares e composicións musicais que arrolaron aos nenos nos berces. Esas cantigas de fermosas composicións naceron nas eiras, nos muiños, lareiras, veigas e torreiros, nas aradas, na sega… En calquera lugar onde houbese actividade social, a imaxinación non desaproveitou as ocasións para construír o noso acervo cultural.

“Velaí están os cemiterios nos que se conserva a memoria colectiva das nosas parroquias”

A cultura e lingua están presentes na paisaxe. Cada anaco de terra, nos accidentes xeográficos, regatos, camiños…todos foron bautizados con cadanseu nome. A Terra (en maiúsculas) foi o fermento da nosa
identidade. Porén, haberían chegar tempos oprobiosos co afán de roubarnos espazos para outra cultura allea. Velaí están os cemiterios nos que se conserva a memoria colectiva das nosas parroquias, identificando a cada un dos seus moradores nun idioma que non falaron xamais. Esta anomalía hai que restaurala para que estea en harmonia co resto do universo parroquial. É esperpéntico o diálogo cos defuntos coa interferencia dunha lápida escrita en castelán polo medio. Unha barreira que agrede aos vivos e á memoria dos falecidos.

Velaí porque a celebración dos chamados Días da Restauración da Memoria Lingüística son oportunidades para refacer o mal feito. Tal aconteceu na parroquia de Lira, con intencións pedagóxicas para que no futuro non se repita o erro de identificarmos aos nosos mortos nun idioma extraño a nós, porque nos foi imposto obrigatoriamente.

O pasado 16 de novembro un cento de veciños da parroquia de Lira ocuparon os bancos da igrexa de San Simón, mentres outros permanecía de pé, para asistiren a unha celebración única, de significado excepcional na litúrxia da palabra. Cantáronse vellas cancións intepretradas polo grupo “Xistra” de Coruxo,gui e polo grupo de pandereiteiros e
pandereiteirasda parroquia. Falou o crego, o que isto asina, Carme Vaquero, da AFNLG, e o fillo de Luís Soutullo, “o gaiteiro de Lira”, a quen homenaxeamos da mellor maneira que se pode facer: substituíndo a vella lápida escrita en castelán por outra cun epitafio en galego.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.