A Guarda | O Concello da Guarda ven de sacar a licitación pública as obras para o proxecto da nova Biblioteca Municipal, que estará situada nos baixos do Centro Cultural e contará con dous espazos diferenciados para diferentes tipos de públicos e usos.
O proxecto posibilita a recuperación do entorno social e cultural, a través do mundo da lectura. A modificación das tres salas da planta baixa do edificio do centro cultural da Guarda consegue un espazo pensado para as actividades interactivas, protagonizado pola lectura e enfocado ao ocio. Un lugar onde pequenos e maiores son libres en movemento e forma. Desfacémonos dos conceptos preestablecido e abrimos paso á imaxinación.
Cambiamos o silencio destes espazos por o son dos sorrisos, a conversa e en definitiva da actividade en convivencia, non é unha aula de estudo, é un espazo vivo e activo. O proxecto divídese en dúas áreas, a zona infantil cun forte carácter imaxinativo capaz de captar a atención dos máis pequenos, ofrecendo un espazo onde a lectura e o xogo son un, e un espazo de lectura deseñado para o público xuvenil e adulto, confortable e informal.
Espazos para ser vividos onde os libros son a principal alternativa de ocio, pero se mesturan nun lugar para a actividade e a interacción social.
Falamos da nova biblioteca da Guarda, como un espazo que se mostra na oferta cultural da zona como algo máis que un servizo de consulta ou recollida de libros, falamos dun punto de encontro para a poboación, un espazo de conexión, un servicio de eles e para eles.
A aula de estudio existente, manterase ante a alta demanda por parte do alumnado que prepara oposicións e exames e que emprega este espazo de xeito habitual, cun alto índice de uso nestes tempos de pandemia.
Todas as empresas que desexen participar neste proceso de licitación, poden acceder á plataforma de contratación do estado onde está toda a información desta licitación, que conta cun orzamento de 70.781,25€ sen IVE. Data límite de presentación de ofertas 24 de outubro.
O proxecto da nova Biblioteca Municipal se suma a outros proxectos que está a executar o equipo de goberno municipal, coma a mellora da accesibilidade no edificio do Obradoiro de Emprego coa instalación dun ascensor, as diferentes actuacións de mellora realizadas na Praza de Abastos, a mellora das instalacións e dependencias da Policía Local, a mellora e centralización do arquivo municipal, entre outras.