A Guarda | O Concello da Guarda organiza esta primavera un total de 4 andainas coincidindo cos días de maior luz solar para animar aos veciños para facer deporte e descubrir a nosa contorna tras estes meses de frío.
Nesta edición o calendario conta con roteiros próximos como ao Monte Aloia, Parque Natural en Tui, ou á ecopista do río Miño entre Monçao e Valença, lugares que moitos coñecemos pero quizais non percorremos en detalle descubrindo as sendas, o patrimonio relixioso e etnográfico,…
Ademais organízase un roteiro no interior de Portugal polo Parque Nacional da Peneda – Gêres cunha paisaxe de montaña e uns miradoiros asombrosos. A distancia destes roteiros roldan entre os 10 e 15 km. Para pechar esta edición de andainas escolleuse unha saída especial onde se visitará unha das illas do Parque Nacional Illas Atlánticas.
En anteriores edicións visitamos Ons e Cíes e para este 2023 visitarase a Illa de Sálvora, unha das illas menos coñecidas do parque pero que conta cunha historia e natureza de excepción. A mañá estará reservada á visita á illa de Sálvora e despois da comida realizarase unha visita dun 4 km polo carreiro das “Pedra Negras” de San Vicente do Mar no Grove.
As prazas son limitadas polo que se abre un prazo de inscrición para os interesados do luns 27 de febreiro ao xoves 2 de marzo. O venres 3 de marzo informarase aos interesados da lista de admitidos.
O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, resalta a alta participación dos veciños e veciñas nesta actividade deportiva de posta en valor do patrimonio natural e ambiental de Galicia, convidando unha vez máis a participar. Tamén valorou o edil da Guarda o carácter transfronteirizo destas andainas, que contan tamén coa participación dos nosos veciños de Caminha.
Máis información e inscricións na Oficina de Turismo da Praza do Reló de 10:00 a 14:00h ou ben a través dun mail en turismo@aguarda.es ou no tel. 986614546, aínda que que se priorizará a inscrición presencial.
Este é o calendario das andainas:
11 de marzo: Ecopista do Río Miño: Monçao a Valença
25 de marzo: Percorrido polo Monte Aloia
22 de abril: Trilho do Mezio – Parque Nacional dá Peneda-Geres
6 de maio: Andaina pola Illa de Sálvora e senda de Pedras Negras de San Vicente do Mar (O Grove)