Petición para crear unha “comisión de investigación sobre as responsabilidades das entidades financeiras na crise”

enmarea

 

 

 

 

Galiza | O Grupo Parlamentario Confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea elaborou e rexistrou o contido dunha iniciativa parlamentaria para solicitar a creación dunha “Comisión de Investigación sobre as posibles responsabilidades derivadas da actuación e xestión das entidades financeiras durante a crise financeira”.

A petición para crear esta comisión de investigación está firmada pola deputada de En Marea, Yolanda Díaz, xunto co portavoz da Comisión de Facenda, Alberto Garzón e outros deputados como Xavier Doménech, Josep Vendrell ou Alberto Montero.

A iniciativa require reglamentariamente a firma dun segundo grupo parlamentario ou o aval dunha quinta parte dos membros da Cámara, polo que Unidos Podemos contou co respaldo do Grupo Mixto para rexistrala.

O texto sinala na súa exposición de motivos que “a crise sistémica e global que se desatou a partir do ano 2007 puxo de relevo, entre outras moitas cousas, a necesidade de establecer unha nova lóxica financeira ao servizo da economía produtiva fronte á especulación xeneralizada, con mecanismos transparentes que permitan á sociedade exercer un mínimo control. Mecanismos que pasan, en particular, pola intervención pública nos mercados financeiros. Non hai outro sector, como o financeiro, onde máis xustificada esté a intervención pública en forma de regulación, supervisión e intermediación directa”.

“Dados os escándalos que as investigacións xudiciais sacaron á luz na xestión de determinadas caixas de aforros -sinala a iniciativa-, faise necesaria unha actuación dos representantes da cidadanía. Existe a obriga de dar resposta á esixencia da sociedade, que debe saber se co diñeiro de todos os cidadáns financiouse, ou puidose financiar o fraude, o enriquecemento inxusto e a estafa dos xestores das caixas de aforros do Estado español”.

É por esa razón que “é precisa a creación dunha comisión de investigación que estableza as pertinentes responsabilidades e non permita que todas as irregularidades cometidas queden impunes”.

O texto lembra que acabamos de coñecer o Informe de Fiscalización do proceso de reestruturación bancaria, exercicios 2009 a 2015, realizado polo Tribunal de Contas.

Para o grupo confederal este informe do Tribunal de Contas, “ademais de cuestionar a actuación do FROB no proceso de rescate bancario, cuantifica o importe dos recursos públicos comprometidos na reestruturación como consecuencia das actuacións realizadas entre 2009 e 2015, en 122.122 millóns de euros. Desta cantidade, a metade dos apoios materializáronse en achegas ao capital das entidades de crédito e a cotas participativas. Así, o importe das achegas ao capital das entidades afectadas pola reestruturación ascendeu a un total de 60.247 millóns de euros, dos que 52.241 foron achegados polo FROB e o resto, 8.006 millóns, polo FGDEC”.

“En suma -segundo consta-, considerando a diferenza entre recursos comprometidos e custo dos mesmos, e sen esquecer que o custo do proceso de reestruturación non pode considerarse definitivo en tanto non estén finalizadas todas as consecuencias das axudas públicas, segundo as estimacións realizadas polo Tribunal de Contas o custo acumulado dos recursos públicos empregados no proceso de reestruturación bancaria situábase, a 31 de decembro de 2015, en 60.718 millóns de euros”.

A iniciativa parlamentaria para crear esta comisión de investigación detalla tamén que “ademais, os escándalos que afectaron a xestores e propietarios de entidades financeiras pon de manifesto a existencia dunha inmensa operación de captación ilícita de fondos de pequenos aforradores particulares, mediante engano, co fin de atrasar o que finalmente foi inevitable, a constatación da pésima xestión que levaron adiante e a falta de liquidez ocasionada pola mesma”.

“Estas actividades, agora denunciadas, afectaron directamente a centos de miles de persoas que viron perigar os aforros de toda a súa vida, ademais de afectar á economía de todo o Estado e ter unha importancia capital na perda de credibilidade do sistema financeiro español, por quedar de manifesto a súa falta de transparencia e a súa escasa solidez, o que á súa vez provocou a perda de confianza dos circuítos económicos internacionais na economía española”, sinala á súa vez o texto.

NOVA CAIXA GALICIA

Entre estas entidades financeiras que foron rescatadas atópase a Nova Caixa Galicia, que recibiu máis de 9.000 millóns de euros das arcas públicas sobre un total de máis de 60.000 destinados ao rescate das Caixas en todo o Estado.

“A cifra da entidade galega sumada ao Banco Gallego é superior a todo o orzamento da Xunta nun ano ou o que equivale ao orzamento de 3 anos da sanidade pública galega. O Congreso debe coñecer o que sucedeu e garantir que comparezan os responsables, algo que non fixeron diante do Parlamento Galego, para esclarecer o maior espolio da historia recente e adoptar medidas ao respecto”, sinalou o portavoz de En Marea, Antón Gómez-Reino.

Gómez-Reino e a deputada Yolanda Díaz insisten en que a sociedade galega “merece coñecer o que aconteceu cunhas caixas que significaban a metade do seu aforro e que rematou privatizada cunha nefasta xestión entre escandalosas retribucións dos seus antigos xestores”.

“Esta xestión costou á cidadanía máis de 9.000 millóns de euros, liquidou o sistema financiero galego e privatizouno. A venda foi por un prezo de saldo, 1.086 millóns de euros que aínda non foron abonados, mentras que a xente segue a perder as súas casas, sufrimos recortes e os gobernos do PP non fan nada para recuperar o diñeiro aportado no rescate”, denunciou Díaz.

 

CARACTERÍSTICAS DA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN:

*I.- Composición.

A Comisión de Investigación estará integrada por tres representantes de cada un dos grupos parlamentarios con máis de cincuenta deputados na Cámara e dous representantes de cada un dos demais grupos parlamentarios.

*II.- Adopción de acordos.

Os acordos realizaranse con criterio de voto #ponderado, tal como recolle o artigo 52.3 do Regulamento do Congreso dos Deputados.

*III.- Obxecto.

A Comisión terá por obxecto investigar os fraudes, casos de corrupción e actuacións contrarias á ética pública cometidos nas entidades financeiras, considerando os seguintes elementos:

· Os posibles fraudes e abusos no sector financeiro e, en particular, sobre os consumidores e usuarios no sector hipotecario.

· O papel dos reguladores e supervisores financeiros.

· Os problemas de fluidez do crédito.

· As prácticas contables e a valoración de activos.

· O tratamento fiscal dos produtos financeiros.

· O papel das axencias de calificación no sistema financeiro.

· As prácticas de titulización financeira.

· Os cambios na estrutura salarial dos empregados das entidades financeiras.

· A estrutura legal e regulatoria no mercado inmobiliario.

· O papel dos produtos financeiros de risco.

· A política de remuneracións dos membros dos consellos de administración e altos cargos das entidades financeiras.

· O uso de tarxetas de crédito opacas.

*IV.- Traballo a realizar.

Para o traballo da Comisión realizaranse todo tipo de actividades que se concretarán nun plan de traballo a proposta dos grupos parlamentarios coa documentación a solicitar ao Goberno, ao resto de administracións e organismos públicos implicados, a organismos internacionais, a entidades auditoras e calificadoras, e a asociacións ou organizacións de afectados, coa realización das comparecencias necesarias.

*V.- Duración.

O prazo para a realización dos traballos da Comisión de Investigación será de tres meses, desde a súa constitución. Este prazo poderá ser prorrogado por meses por acordo do Pleno da Cámara.

VIN.- Conclusións da Comisión.

As conclusións da Comisión serán aprobadas polo Pleno da Cámara e publicadas no Boletín Oficial das Cortes Xerais, comunicadas ao Goberno e, no seu caso e se procede, trasladadas pola Mesa do Congreso ao Ministerio Fiscal.