Ourense | O voceiro de En Marea, Luís Villares, participou nos encontros que organiza a Asociación Jóvenes Empresarios de Ourense. No almorzo celebrado, o voceiro explicou algunhas das liñas fundamentais de En Marea e respondeu a preguntas dos asociados. Entre os argumentos desenvolvidos na conversa figuraron a necesidade dunha industria agroalimentaria da transformación para engadir valor á produción ourensá, a necesidade de que Ourense teña boas conexións ferroviarias co resto de Galicia e tamén o ausencia de apoio de institucións que deberían estár axudando na creación de novo tecido de empresas. Villares foi presentado polo presidente da AJE Ourense, Lois Babarro.
Durante a conversa cos novos empresarios da provincia, Luís Villares foi explicando algúns dos principais argumentos que En Marea ten para unha mellora da situación da provincia ourensá. A preguntas sobre o sector agroalimentario, o voceiro de En Marea sinalou que a provincia “ten unha capacidade produtiva grande e recoñecida, pero non conta cunha industria da transformación que favoreza e engada valor a esa produción”. Villares explicou que estaba sucendo que leite producido en Galicia “estaba sendo enviado a Francia para ser tratado e regresaba a Galicia como derivados lacteos con alto valor”. Tamén sinalou Villares o caso de produtos cárnicos ourensáns que eran transformados en Valladolid ou Barcelona “e volvían aos supermercados da provincia procesada”.
Esta situación segundo explicou o voceiro é unha demostración da “necesidade que teñen Galicia e Ourense de poñer en marcha unha industria da transformación agroalimentaria que permite sacar partido do que se produce. Villares explicou que este sector podería xerar postos de traballo de calidade que, ademais de mellorar a renda, serviría tamén para fixar poboación no territorio e contribuir a frear “a implosión demográfica que se está producindo na provincia”.
En sentido similar, explicou o voceiro que En Marea propón que a provincia consiga unha conexión ferroviaria convencional de calidade co resto de Galicia. Villares sinalou que os auncios “sobre os prazos do AVE son sempre propagandísticos e ademais do AVE, o que precisa Ourense é unha conexión ferroviaria convencional eficaz co resto de Galicia que agora mesmo non existe e tamén unha conexión ferroviaria de mercancías que permita que a produción ourensá teña vías de saída fáciles e baratas”.
Sobre a implosión demográfica da provincia, o voceiro de En Marea apuntou que é necesario que as condicións de vida favorezcan que a xente “poida quedar na provincia, é dicir teña medios de vida cunha estabilidade que permite ter fillos e pensar no porvir, se esas condicións non se dan é moi difícil pensar que a situación pode reverterse”.