Ramón Coira Luaces | Como seguro sabedes, falamos dun escritor e xornalista galego que naceu en Ourense en 1897 e finou en Vigo en 1979. O seu pai abandonou o fogar cando el tiña tres anos. Foi un neno enfermizo de formación bastante autodidacta. En 1915, cando tiña 17 anos, comezou a traballar para El Diario de Ourense. Tratou a Vicente Risco -do que foi alumno- e participou nos seus faladoiros, deixándose influenciar por este no que atinxe á defensa da cultura galega.
En 1919 emigrou a Buenos Aires, onde entrou en contacto con galegos da emigración, sendo director de El Despertar Gallego, órgano de expresión da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, da que forma parte. Coñece e traba amizade con Ramón Suárez Picallo.
En 1923 funda con Ramiro Isla Couto a revista Terra, redactada en galego. Participou e dirixiu tamén na revista galeguista Céltiga. E formou parte -entre outras publicacións- do diario arxentino La Nación, onde coñece -entre outros- a Borges e a Ernesto Sábato.
En 1927 publica a súa primeira obra: Os Nonnatos e, ao ano seguinte, o poemario Romances galegos. Retorna a Galicia durante un ano, concretamente en 1928, como correspondente do xornal La Nación e coñece a Castelao e a outros intelectuais do Partido Galeguista e da revista Nós. Escribe Poema en catro tempos, publicado en 1931. Retornando de novo entre os anos 1933 e 1935, cando coñece e traba amizade con Federico García Lorca, convencéndoo para que este publicase os seus Seis poemas galegos.
Defendeu en Arxentina a legalidade republicana. En 1956 publica o libro de poemas Cancioneiro e en 1959 A esmorga, unha novela coa que renovou a narrativa galega. Según algún crítico, nesta obra, na que só fala un reo, o silencio do xuíz representa a xordeira da xustiza e o seu papel represor e castigador.
En 1965 regresa definitivamente a Galicia. Previamente, en 1962, publicara o libro de relatos Os biosbardos. Dez anos despois, en 1972, publica a novela Xente ao lonxe e ingresa na Real Academia Galega. Nas súas obras recrea o seu Ourense natal, ao que chama Auria. Nos últimos anos fixo varias obras teatrais: Farsas para títeres e Teatro prá xente. A parte da súa coñecida homosexualidade, hai que destacar a súa afección á fotografía e ao seu legado de 3.000 fotos. En 1993 adicouselle o Día das Letras Galegas. E, actualmente, celebramos o 120º aniversario do seu nacemento. Este poema é da súa obra Cancioneiro:
CORAL A CASTELAO
Por ti cante o sol ledo
e a montaña senlleira,
a estrela tecedeira
e o fero e doce mar.
Por ti cante o arboredo,
o grau na sementeira,
a rosa na roseira
e o paxaro no ar.
Laude a ti, gabanza a ti, Galiza en ti
máis forte e máis fermosa.
O Verbo en ti, a espranza en ti,
xuremos: ¡Terra a Nosa!
Fidel á tua promesa
no alén do teu roteiro
o canto mañanceiro
da Patria estáse a ouvir.
No sulco, viva, acesa,
tua voz, xérmolo inteiro,
irmán, ronsel, guieiro,
tua voz: noso porvir.
Laude a ti, gabanza a ti, Galiza en ti
máis forte e máis fermosa.
O Verbo en ti, a espranza en ti,
xuremos: ¡Terra a Nosa!