O Concello de Mos aínda non incorporou ao seu acervo histórico dous personaxes senlleiros da cultura galega: o arquitecto Manuel Gómez Román, que foi o autor do proxecto da Casa do Concello, a quen Otero Pedrayo calificou como o soñador das mil compostelas; os seus deseños arquitectónicos inspirados no estilo barroco galego coa súa peculiaridade creativa, inzaron con fermosas construcións as nosas paisaxes que aínda hoxe son merecentes de protección e conservación; e Ramón Cabanillas, o poeta cambadés, que foi secretario xeral da Corporación Municipal. Adoitaba o poeta percorrer os camiños de Mos na procura da sabedoría das súas xentes, e baixar todos os días a O Porriño onde tivo moradía, e tertulia nunha coñecida fonda ou na “Botica Nova” con José Palacios e Enrique Peinador Lines, entre outros.
O galeguismo de todos eles manifestarono integramente na fala, na arte, na política; galegos en todas as afirmacións da vida inidividual e colectiva. Non tiveron medo a seren demasiado galegos, tal e como díxo un contemporáneo deles e figura egrexia do nacionalismo galego, Lois Peña Novo. Cualidades,que hoxe non exercen a meirande parte dos galegos, e algúns que proclamándose galeguistas ou nacionalistas, sóno unicamente a tempo parcial, dedicando o resto do tempo a fomentaren a diglosia (utilizando o galego só para determinados usos).
O devalar dos tempo deixou a súa pegada negativa nos habitos culturais transformándoos ata disolvelos. Reconstruílos é unha tarefa que nos obriga a todos. Efectivamente, son as administracións públicas – para iso temos ordenamento xurídico propio- as obrigadas a artellaren políticas para a defensa dos nosos valores patrimoniais; pero tamén e responsabilidade de cada un de nós afortalar a identidade cultural de noso na vida cotiá.
“Desde hai moitos anos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vén convocando a todos os galegos a celebraren actos de restauración da memoria lingüística nos cemiterios”
Desde hai moitos anos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vén convocando a todos os galegos a celebraren actos de restauración da memoria lingüística nos cemiterios, nos que dormen o sono eterno os que nos precederon na vida. Xentes, homes e mulleres, que maioritariamente falaron un mesmo idioma, o noso. A mesma lingua que falan os que os visitan a cotío, ou en datas sinaladas, invadindo eses espazos fúnebres en contraste coas lápidas que teñen epitafios en castelán. Escenarios que hai que reescribir, substituíndo os epitafios en lingua castelán por outros en galego. A iso chamámoslle nós “restaurar a memoria lingüística”, para conseguirmos unha maior identificación co idioma familiar; e, de paso, cohesionar a identidade cultural das parroquias.
Cómpre tributarlles homenaxe postreira xa que non o fixemos no seu tempo, porque eles son os verdadeiros artífices da transmisión da nosa cultura, lingua e tradicións. De aí que a iniciativa “En galego, agora e sempre”, sexa a mellor pedagoxía galeguizadora. Os cemiterios galegos deben ser espazos territoriais nos que a lingua galega debe estar presente, porque é a máis acaída para reconstruirmos a harmonía cultural coa parroquia dos vivos. Cada vez son máis os actos que se celebran con tal motivo.
O próximo día 25, ás 16:30 horas celebraremos no camposanto da parroquia de Santa María de Sanguiñeda, no Concello de Mos, o “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, que estará dedicado a dona María Jesús Herrero Rodríguez, quen foi durante moitos anos unha das cantareiras do popular grupo muisical “Malvela”. Substituiremos a súa lápida por outra cun epitafio máis acaído no que se recoñeza a súa contribución á perpetuar a lingua galega: “Por ti resoan no val muiñeiras e alalás”. Ogallá este exemplo sexa imitado polas familias do Val do Louriña.
Ramón Cabanillas é o inspirador desta iniciativa normalizadora. Do seu poema “Galicia” extraemos versos da filosofía que fundamentan este labor de reconstrución identitario: “Galicia!/ Sempre Nai, sempre Señora/ con leda ou cativa sorte;/ preto e lonxe;/ onte, agora/ mañán…na vida e na morte/ galegos, sempre galegos!”.
No acto participaran os grupos musicais “Malvela” e “Xistra” de Coruxo.
Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.