Mos | Coa aprobación por unanimidade dos votos do PP e do BNG e a abstención do PSdeG-PSOE, o pleno extraordinario celebrado este 31 de xaneiro no Salón de Sesións da Corporación Municipal confirmou a vontade da maior parte do tecido político e asociativo mosense de deixar sen efecto o novo proxecto da autovía A-52 que pretende levar a cabo o goberno de Pedro Sánchez.
Neste pleno extraordinario debatéronse as alegacións contra o Expediente 5529/2024. Proyecto: “Autovía A-52. Tramo: O Porriño-Vigo Provincia de Pontevedra” Clave: 12-PO-4240. Segundo fontes do Concello, a reclamación principal ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, tanto no pleno municipal coma na concentración cidadá é a liberalización inmediata da peaxe do tramo O Porriño-Puxeiros da AP-9 (cun oneroso custe de 4€ para os usuario/as), coma solución para a diminución do tráfico na actual A-55, e ademáis que este propoña novas alternativas ao trazado da a A-52 pola grave afección que provocará nas parroquias de Sanguiñeda, Petelos, Pereiras e Tameiga.
Estas reclamacións foron realizadas con anterioridade no Parlamento de Galicia e na Deputación Provincial de Pontevedra.
Un pleno intenso
Coa presenza dunha importante representación da Plataforma veciñal DefendeMos tanto no salón de plenos como ás aforas do Concello, a Alcaldesa Nidia Arévalo deu inicio ao pleno extraordinario agradecendo a presenza do/as Alcaldes de Baiona, Mondariz, O Porriño e Ponteareas así como por concelleiros do PP en Salceda, Gondomar, Vigo e Nigrán e deputado/as autonómicos e no Congreso dos Deputados, reafirmando así a importancia que este tema ten para os Concellos principalmente afectados, sendo estes Mos, O Porriño e Vigo, principalmente na parroquia de Bembrive.
Tras iniciar o pleno, a Alcaldesa deu paso á voceira socialista María Victoria Alonso Méndez quen criticou ao goberno municipal pola “falta de rigor e de información” sobre estas alegacións. A súa intervención recibiu constantes apupos por parte dos membros da plataforma DefendeMos recriminándolle a falta de apoio as súas demandas; reclamacións extensivas ao Alcalde vigués Abel Caballero, a quen a Alcaldesa lembrou como o “artífice a A-55 cando era ministro socialista”.
Posteriormente foi a quenda do voceiro do BNG, Gustavo Barcia, quen confirmou o apoio a estas alegacións contra a nova A-52. O concelleiro do PP, José Ramilo Hermida, continuou asegurando que este proxecto afecta a 100 vivendas mosenses e 200 de Bembrive, a 250 postos de traballo, á comunicación das parroquias, á traída das augas cun importante impacto ambiental e que “non respecta nin o PXOM nin a sinalización do Camiño de Santiago”.
A Alcaldesa Nidia Arévalo finalizou o pleno extraordinario esixindo ao PSOE “recapacitar” e “estar ao lado da veciñanza”, considerando que os socialistas mosenses “defenden a Abel Caballero e non a Mos”. “Con este proxecto queren destruír Mos” sentenciou a rexedora.
Unha vez finalizado o pleno extraordinario levouse a cabo unha concentración na Praza do Concello onde tomou a palabra Amalia Collazo Araújo, membro da plataforma DefendeMos, informando que xa levan 17.000 sinaturas contra este proxecto. “Isto non é unha loita política senón pola supervivencia de Mos”, asegurou.
A plataforma informou que a partir de febreiro levarán a cabo máis mobilización toda vez dende o Concello instan á apertura dun período de interlocución, institucional e técnica, con todas as administracións afectadas a efectos de buscar unha solución definitiva a longo.