Escairón | A Xunta de Galicia está a destinar 3 millóns de euros para poñer en valor bens patrimoniais dos concellos de Lugo incluídos na pasaixe cultural da Ribeira Sacra. Así o expuxo o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita as obras da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), nas que o Goberno galego está invistindo máis de 300.000€.
O titular de Cultura, que estivo acompañado polo alcalde de Escairón, Juan Carlos Armesto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou a importancia do investimento para a Ribera Sacra comprometido neste exercicio, o ano da súa posible declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Trátase dun esforzo orzamentario que, tal e como indicou, reflíctese nun incremento do 19% nos fondos dedicados a conservación de bens patrimoniais. “O patrimonio cultural simboliza o noso pasado e debemos impulsar a súa recuperación para non esquecer de onde vimos e encarar o noso futuro”, afirmou.
Neste sentido, salientou que a Ribeira Sacra representa “o mellor do noso patrimonio cultural e artístico, polo que é importante que continuemos traballando na súa conservación para que siga sendo un legado vivo e unha fonte de orgullo para todos os galegos”. No caso concreto da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, a intervención impulsada pola Xunta de Galicia, e confinanciada con fondos FEDER, está permitindo mellorar as condicións de conservación e mantemento deste monumento recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento desde 1931.
Así, o proxecto en marcha céntrase nas condicións de conservación e mantemento dos paramentos exteriores da fábrica, reparando gretas e fisuras, así como na mellora das condicións de ventilación da igrexa e elementos escultóricos do exterior do templo. Concretamente, os técnicos están restaurando a cuberta da nave e ábsida substituindo as tellas de cerámica, a estrutura de madeira e as fiestras existentes por outras que permitan a ventilación continua.
Así mesmo, restáuranse os elementos deteriorados das portas principais e laterais da igrexa e redáctanse os proxectos de restauración dos elementos escultóricos da portada, ocos románicos e cornixas. Para poder realizar estes traballos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diócese de Lugo.
Elemento emblemático
A igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño é un dos bens máis emblemáticos da Ribeira Sacra. O seu interior, datado a finais do século XII, é similar ao da veciña San Paio de Diomondi e conta cunha soa nave dividida en catro tramos e con teitume a dúas augas de madeira. Como no caso de Diomondi, esta cuberta apóiase sobre grandes arcos transversais oxivais de posible orixe posterior á fábrica principal da igrexa, claramente románica.
Ademais, conta cunha fachada principal dividida en dúas partes por un gran tornachoivas de arquiños semicirculares peraltados, apoiados en canzorros decorados con floróns cuadrangulares inclinados. O cenobio, pola súa parte, está dedicado a santo Estevo, un dos primeiros diáconos da Igrexa que, xunto aos apóstolos, comezaron a evanxelización.
Quince intervencións
O investimento feito neste templo forma parte dos 3 millóns de euros que o Goberno galego destina a restaurar, conservar e poñer en valor bens patrimoniais en seis concellos lucenses da Ribeira Sacra desde o inicio da candidatura.
Neste sentido, Román Rodríguez precisou que desde o ano 2107 executáronse melloras en preto dunha quincena de bens da provincia de Lugo como as igrexas de Santa María de Nogueira de Miño e Santa María de Pesqueiras, en Chantada; o colexio do Cardeal, a igrexa de San Vicenzo do Pino e o convento das Clarisas, en Monforte de Lemos; o Pazo de Diomondi, en O Saviñao; no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón e nas igrexas de Santo Estevo de Atán e de Pombeiro, en Pantón; na igrexa de San Xoán, de Portomarín, ou nas igrexas de San Vicenzo de Pinol e San Xiao de Lobios, en Sober.