Mondariz | Mondariz aposta novamente pola cultura abrindo o telón a un outubro pleno de teatro. Desta volta, o pobo ten o papel protagonista: os veciños de Gargamala interpretarán a obra “O parque da rula” o día 7 e os de Meirol darán vida a “O-Vella” o día 14. Así mesmo, a asociación de teatro veciñal Seliña (Arbo) visitaranos na xornada do 29 para presentar a obra “Menuda familia”.
Mondariz tamén poderá desfrutar de “As que limpan”, obra reivindicativa da man da afamada compañía teatral a Panadaría, o día 21. Tódalas representacións terán lugar no Auditorio Municipal con entrada gratuíta ata completar aforo.