Pontevedra | A Deputación de Pontevedra organiza os próximos días sete saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial.
Entidades dos concellos de Cangas, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Silleda, Tomiño e Covelo mobilizarán preto de 400 persoas (378 participantes, 54 cada entidade) para coñecer emblemas da provincia como o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza, a illa de Tambo, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o barrio mariñeiro vigués do Berbés ou pasear pola ría de Arousa en barco.
Este mércores 23 de agosto a Asociación de Pensionistas de Ariño-Aldán sairá desde Cangas para coñecer o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera en Covelo e o Museo do Viño en Salvaterra de Miño.
A Asociación DOA Saúde Mental de Vigo e a Asociación de Mulleres Rurais de Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa realizarán o xoves 24 de agosto a ruta da cultura mariñeira, que inclúe unha visita ao Mosteiro de Poio, a illa de Tambo e o núcleo de Combarro.
O venres 25 de agosto sairán catro entidades da provincia con “En Ruta coa Depo”. A Asociación Centro Social Cultural e Recreativo de Cedeira de Redondela fará un percorrido pola ría de Arousa (illa da Toxa, paseo con degustación en barco e visita ao Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove). A Asociación de Veciños de San Miguel de Lamela sairá desde Silleda para coñecer a illa de San Simón, o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela.
Pola súa parte, a Asociación Cultural Recreativa San Salvador de Sobrada de Tomiño visitará as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés (Vigo) e, por último, desde Covelo o Club Covelo de Patinaxe Artística coñecerá o parque natural do río Barosa en Barro, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, as fervenzas de Raxoi e Pedrafita e a área recreativa e praia fluvial de Valga.
A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia.
Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.