As pedras furadas, húmidas e sombrizas de San Pedro de Rochas, transmiten séculos. As covas antropomorfas reiteradamente ocupadas polo po no que nos seguimos revertendo desacougan cun súpeto remuíño. Seica unha placa, considerada fundacional, cita o ano 573. Miro sería o rei do Gallaecium Regnum.
É un dos templos cristiáns máis antigos. Tres naves escavadas. Na central, un oco permite a entrada de luz. O primitivo mosteiro seica ficou deserto coas invasións musulmás ata que, segundo a lenda, un nobre chamado Gemondus, a finais do século IX, descobre aquela paraxe e retírase a facer vida de penitencia. Logo vaise creando a nova comunidade.
Nunha parede da capela da esquerda, onde se entende que está o sepulcro do lendario nobre restaurador do cenobio, consérvanse restos dunha pintura ao fresco, datada entre 1175 e 1200, na que se amosan figuras dos apóstolos nun mapamundi que os expertos identifican co reproducido no Beato de Osma, datado en 1086, e quizais confeccionado no mosteiro leonés de Sahagún. Na realidade o mapa é unha carta da diáspora apostólica que indica os lugares onde predicou cada apóstolo.
Se é o de Osma realizouse nos inestábeis tempos das disputas monárquicas entre irmáns: García, Sancho e Afonso que co ordinal de VI reinaría en Galicia, León Castela e Toledo dende 1073 ata 1085. Se as datas do mural de San Pedro de Rochas son as que dixemos estariamos nos últimos anos do reinado de Fernando II (1157-1188) ou nos primeiros anos de Afonso VIII, o que na historiografía española ordenan como IX, (1188-1230).
O mapamundi é unha representación esquemática do mundo na que o tamaño do representado indica a importancia do mesmo. Trátase dun circulo, rodeado polo río Océano no que o Mediterráneo ocupa o centro vertical do mesmo, máis ben ovalado no debuxo, facendo a barra vertical dunha especie de T. O Nilo e o Ponto Euxino, debuxan a barra transversal da T.