Alejandro Lorenzo (PPdeG) é desde o pasado mes de decembro de 2021 o novo Alcalde de O Porriño trala dimisión anunciada pola anterior alcaldesa, a socialista Eva García de la Torre. Con a penas un mes no cargo, neste novo tempo político, Lorenzo impulsa unha serie de iniciativas para mellorar os servizos deste municipio da Comarca da Louriña.
O Porriño entra nunha nova etapa política con Vde. como Alcalde. Como analiza a situación actual trala dimisión da ex alcaldesa Eva García de la Torre?
A ex alcaldesa dimitiu do seu cargo pero continúa como concelleira. Mais alá de intentar analizar a situación, eu o que viñen aquí foi a tentar facelo ben, tentar xestionar un Concello que para mín non estaba sendo xestionado, sobretodo nos servizos básicos esenciais, en buscar as necesidades que non estaban sendo atendidas. Esa é a miña labor fundamental.
Con oito concelleros dos 17 que forman parte da Corporación Municipal, podemos falar de estabilidade no seu goberno?
A estabilidade existe porque antes eran distintos grupos os que estaban gobernando este Concello, pois agora existe só un grupo que está unido e capacitado e que vai a facer unha xestión municipal necesaria para este Concello.
“O Concello do Porriño debe 4.700.000 euros de facturación de anos anteriores, 2017, 2018, 2019”
Nunha entrevista anterior co noso xornal (setembro 2021), Vde. declarou que o Concello do Porriño debía cinco millóns de euros en facturas pendentes de pago. Como pensa afrontar esta situación que axudou na caída da anterior alcaldesa e cando hai sentenzas xudiciais contra o Concello?
A caída da ex alcaldesa non só foi polo feito de que se deban cinco millóns en facturas senón pola xestión que se realizou en todo tipo de servizos e de concellerías do anterior goberno municipal. O Concello do Porriño debe 4.700.000 euros de facturación de anos anteriores, 2017, 2018, 2019 e agora temos a sorpresa que, no ano 2021, imos ter mais facturación existente no ‘caixón do desastre’ e que este goberno municipal ten que dar unha saída para que todas as empresas cobren. Pero como sempre digo e defendín, as empresas van cobrar a prezos de mercado e van cobrar se demostran a súa veracidade e que os prezos corresponden aos do mercado.
Unha das novas concellerías é a de Atención Cidadá e Transparencia. Era isto unha carencia que tiña o anterior goberno?
Iso xa quedou demostrado porque está claro que se existe facturación sen pagar, non existen procedementos de contratación, non existían licitacións e todos os veciños e veciñas do Porriño non o coñecían era precisamente porque non había transparencia no goberno. E así tamén o demostran as distintas páxinas de transparencia existentes que din que somos uns dos peores Concellos nesa situación. E iso é algo que hai que cambiar.
E non só en atención á cidadanía, porque todos os colectivos, veciños e veciñas deben ter un punto de atención para que todo o que se poida facer a través dun Concello sexan atendidos e se poida tramitar e non só derivar a un departamento. E por iso estanse facendo todos os trámites correspondentes para adaptar ao persoal a un Concello que o necesita e que é moi importante porque supera os 20.000 habitantes. Outra das concellerías que tamén creamos é a de Terceira Idade que para mín tamén é fundamental e debe ser un dos piares do goberno municipal.
Plan de transporte metropolitano 2022-2023 recentemente aprobado pola Xunta. Doce Concellos forman parte, pero Vigo non. Habemus conflito con Abel Caballero?
Eu non teño problema con ningún alcalde ou alcaldesa. Estou aquí para defender os intereses do Concello do Porriño e dos seus veciños e veciñas. E iso é o que vou a facer pese a quen lle pese e pase o que pase. Ese vai ser o meu labor, o meu deber e dereito, velar polos intereses dos veciños e veciñas do Porriño como alcalde.
Vde. no Porriño, Nidia Arévalo en Mos, nova presidenta do PP de Vigo (Marta Fernández-Tapias). Pódese especular coa “reconstrución” do PP a nivel metropolitano de cara ás municipais 2023?
O meu primeiro pensamento é no Porriño. O meu segundo pensamento é no Porriño e o terceiro é pensar tamén nos distintos Concellos que temos limítrofes e ao Partido ao que me debo. Cos demais Concellos teño tamén boa relación e ten que habela porque hai que velar polos intereses do Concello, como no caso do Consorcio da Auga no que están integrados outros Concellos independentemente da cor política. Hai que tratar con todos e teño unha moi boa relación cos alcaldes que non son do meu grupo pero tamén obviamente con Nidia Arévalo en Mos e Marta Fernández-Tapias, que para mín están facendo unha labor magnífica. E como xa se fixo no Nadal, vanse a realizar distintas actividades entre ambos Concellos (O Porriño e Mos) que creo é fundamental porque cada un depende do outro.
“O meu primeiro pensamento é no Porriño. O meu segundo pensamento é no Porriño e o terceiro é pensar tamén nos distintos Concellos que temos limítrofes e ao Partido ao que me debo”
O Festival de Cans 2022 volve á primavera. Como apoiará o seu goberno a esta iniciativa clave para O Porriño?
Como nunca.
Considera que estamos ante unha nova etapa para este festival?
Non. O Festival sempre tivo a súa tradición e repercusión non só a nivel local e autonómico senón tamén estatal. É un Festival que hai que apoiar pero tamén hai que saber que hai unha Asociación que é a que organiza e que temos que darlle todo o noso apoio e cumprir coas súas necesidades.
O BNG do Porriño pide que o Concello compre a Villa Florida, edificio emblemático da vila. Está de acordo con esta petición?
Iso é algo que levouse a pleno pero tamén hai que saber que sempre que cando non pase do 10% dos recursos ordinarios, a competencia é do Alcalde. Non só hai que comprar Villa Florida senón outros espacios de patrimonio histórico como o que hai na rúa Progreso e terreos importantes da nosa contorna que hai que tamén tentar negociar a súa adquisición e aluguer porque O Porriño ten que avanzar, ter uns servizos que hoxe en día non ten. Villa Florida é un sitio precioso e estou de acordo con que se compre pero sempre o mais importante, saber o estado actual do Concello do Porriño.
O Entroido 2022 volve á rúa. Cómo está apoiando o Concello esta iniciativa?
Está claro que hai que cumprir as condicións e protocolos sanitarios e velar pola seguridade e saúde da xente. Pero tamén temos que tentar volver á normalidade posible. O Entroido volverá pero tamén volverán distintas festas tradicionais do noso Concello porque a xente ten que volver a vivir as nosas festas, a hostelería e o comercio ten que volver a beneficiarse e buscar alternativas para que o Concello do Porriño volva a ser o que foi.
No caso do Entroido, e xa o falei coa Concelleira correspondente, gostaríame que este ano os distintos colexios tiveran a posibilidade de facer o cartaz do Entroido para que tamén dalgunha maneira volvan eles á normalidade e se impliquen.
Recentemente reuniuse co vicepresidente da Xunta e Conselleiro de Economía Francisco Conde sobre un plan de investimentos para O Porriño. Cómo se está levando a cabo esta iniciativa tomando en conta que aquí en Mos está o problema cos comuneiros de Monte Faquiña e AEMOS falaba da posibilidade de que empresas do Polígono de Mos marcharan ao Norte de Portugal. No Porriño non existe ese problema?
O que existe é un plan para que as empresas veñan e queden en Porriño as que existen e para iso hai que darlles facilidades e beneficios fiscais. Para poder establecerse aquí esas empresas, O Porriño debe ser un “Concello emprendedor” grazas a un plan denominado “Doing Bussiness”, no que os Concellos que estean adheridos terían bonificacións fiscais. Isto xa se levou a pleno e foi aprobado, logo rexeitouse, pero habería que modificar as ordenanzas que dalgunha maneira facilitarían a instalación desas empresas no Porriño.
“O que existe é un plan para que as empresas veñan e queden en Porriño as que existen e para iso hai que darlles facilidades e beneficios fiscais”
Temos tamén os históricos problemas do Concello cos canteiros. Está afrontando algunha solución?
A pesar de levar trinta días no goberno xa tivemos varias reunións con moitas asociacións, tamén das asociacións de afectados das canteiras de Atios e de Budiño. Máis que problemas son situacións que existen, que debemos implicarnos e atendelos e que o Concello debe igualmente facer distintas melloras nas parroquias e no casco urbano.
Deixámoslle este espazo para enviar a mensaxe que considere á veciñanza do Porriño.
A miña mensaxe por parte tamén dos concelleiros e das concelleiras é que viñemos aquí para facelo ben. Estamos levando a cabo distintos plans importantes e nos próximos meses vaise demostrar o traballo que estamos facendo. Creo que non se estaban levando a cabo unha boa xestión neste Concello e principalmente nos servizos básicos e esenciais. Hai necesidade de persoal en moitos dos servizos do Concello e tamén nos que acabamos de crear, coas correspondentes limitacións existentes en canto a contratación de persoal.
Hai que mellorar todos os servizos do Concello e dos que se creen, hai que dotalos con orzamentos igualmente. Eu o que lle digo á xente é que, nun prazo de tres meses, no Concello do Porriño van cambiar moitas cousas e para ben porque viñemos aquí para facelo ben.