A Cañiza | Este 14 de xullo, na Casa da Xuventude de Lisboa déronse cita máis dun centenar de cañicenses, veciños e amigos, residentes na cidade lisboeta que se achegaron ata o Centro Galego para departir sobre A Cañiza co Alcalde Luis Piña e cos concelleiros do Equipo de Goberno Mª José Rodríguez González, Paula Bacelar Domínguez e Miguel Anxo Gómez Antón.
Esta é a primeira vez cun Alcalde da Cañiza exerce como «embaixador» fora das nosas fronteiras con cañicenses residentes no exterior e coas súas familias, elexindo como punto de partida desta experiencia Lisboa, por ser a cidade que máis galegos e cañicenses acolleu en toda a historia da emigración europea. Un dato constrastado polo Presidente do Centro Galego, Jesús Luis Bescos, quen agradeceu de xeito especial a decisión do Alcalde Luis Piña de ter elexido Lisboa para desenvolver este primeiro encontro de confraternidade.
O Centro Galego de Lisboa, tamén coñecido como Xuventude de Galicia, ten súa sede dende xullo de 1988 nun palacete construido a finais do século XIX. Unha construcción de 1225 m2 situado na Rúa Julio Andrade, obra dun arquitecto italiano e propiedade do galego insigne Manoel Cordo Boullosa que donou o Palacete á Xunta De Galicia. Na actualidade o Centro tamén acolle a sede da UNED en Portugal.
Á chegada ao Centro Galego, o Alcalde e Concelleiros foron recibidos pola Directiva do Centro, que como anfitrións deron a coñecer as instalacións e ás actividades e cursos que se desenvolven durante todo o ano. Ao rematar a visita, mantiveron una xuntanza de traballo para tratar sobre as posibilidades de cooperación e accións conxuntas de futuro.
Pasadas as 19h portuguesas e despois da foto oficial con toda a Directiva, comezou o acto presentado polo Vicepresidente do Centro, Miguel Prieto, que fixo de Mestre de Cerimonias, dando paso ao gaiteiro e profesor de gaita galega do Centro, Paulo Marinho, quen interpretou a “Muiñeira Freixa de Ponteareas”. Unha fermosa peza tocada para dar a benvida ao Alcalde e Concelleiros en sinal de agradecemento.
A continuación o Presidente do Centro Galego, Jesús Luis Bescos, tomou a palabra para felicitar ao Alcalde pola “acertada decisión de desenvolver este encontro, neste caso en Lisboa, cidade que sempre tendeu a man á emigración cañicense e que acolleu no seu seo a centos de veciños”. Un acto que quere interpretarse como una expresión de cariño e respeto dirixida a todos os nosos veciños e veciñas que non viven na Cañiza pero que forman parte da nosa gran familia.
Difusión do potencial cañicense
Ao rematar a súa intervención, o Alcalde Luis Piña tomou a palabra para promocionar, difundir e por en valor os activos turísticos, produtos gastronómicos e potencial empresarial da nosa terra. Un potencial que pasa polo turismo paisaxístico centrado nos sendeiros e rutas que permiten percorrer todo o territorio cañicense e a potente gastronomía da Cañiza, basada nos productos cárnicos cos cocidos e o afamado xamón da nosa terra como abandeirados. Luis Piña tamén promocionou a tetilla, a mel e o chocolate da Cañiza así como os viños brancos e tintos de tres das nosas mellores adegas, cun alto nivel competitivo comercial grazas á calidade destes caldos.
Neste punto o Alcalde quixo agradecer a colaboración dos hosteleiros e empresarios da Cañiza que doaron os productos presentados en Lisboa. Xamón do Bar Kenia, Pirri, Piri-Piri, Paradanta, Area de Servicio A Cañiza e Complexo Os do Resero. Tamén á queixería Castro Xaneiro, á tenda de chocolate López, aos produtores de mel Inocencio López (Mel de Fontefría), Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez. E por suposto aos adegueiros das adegas “Eido da Fonte” de Valeixe, “Torgo” de Parada e “Abelán” de Foxo- Pintelos. Tamén agradeceu a Carlos Manuel Rodríguez, Presidente do Consello Regulador do Pan de Cea por ter colaborado coa Cañiza en todas as súas promocións.
Ao rematar a súa intervención, o Alcalde invitou a todos os presentes a volver á Cañiza calquera día do ano e en especial nestas festas que se aproximan do 15 de agosto e nas romarías da Franqueira e da Peña de Francia. O acto institucional rematou coa sinatura do Alcalde no Libro de Honra do Centro e coa entrega dun agasallo conmemorativo do Encontro.
A continuación Luis Piña convidou a todos os presentes a degustar os nosos productos, que foron os auténticos protagonistas deste xornada e que conseguiron todos os eloxios, nunha xuntanza final desenvolvida nos xardíns do Palacete no que Alcalde e Concelleiros tiveron a ocasión de conversar coas máis dun centenar de cañicenses e amigos que se achegaron ata a Casa de Xuventude para charlar sobre A Cañiza e as súas oportunidades de futuro.
O acto rematou en torno ás 22.30h cunha afectuosa despedida e coa intención renovada de volver a repetir esta experiencia enriquecedora para todos e que serviu non so para emponderar a riqueza da Cañiza senon tamén para non esquecernos da importancia da labor e do traballo dos nosos cañicenses no exterior que durante máis dun século contribuiu a mellorar a calidade de vida de todas as nosas xentes.
Para rematar o Alcalde Luis Piña quixo agradecer a gran acollida amosada por toda a Xunta Directiva do Centro Galego de Lisboa, que recibiron á Delegación da Cañiza con todo o cariño e protocolo institucional.