Hai pouco máis dun mes escrebía nestas páxinas o artigo “Artellarmos outra produción eólica” no que advertía da enxurrada de proxectos que queren aproveitar as nosas óptimas condicións para a produción enerxética eólica sen respectar a lexislación ambiental nin de patrimonio cultural e sen compensar aos propietarios privados e comunais e aos concellos produtores. Advertía dun esquema colonial que quería facer de Galicia celeiro enerxético do Estado mesmo sen participar no desenvolvemento industrial do sector.
Voltamos tirar deste fío e tentamos albiscar o problema da enerxía na súa globalidade, produtiva e de consumo, xusto a poucos días de se implantar unha nova tarifa que penaliza nomeadamente ás familias, á hostalería e aos produtores leiteiros galegos, até con incrementos na factura dun 30%.
A enerxía eléctrica é un recurso esencial e un produto de primeira necesidade para a vida humana e económica. Xa que logo, o IVE ha de se reducir do 21% actual ao tipo máis baixo vixente doi 4%, como rexe en case toda Europa, mentres se suprime para evitar unha dupla imposición o seu Imposto especial.
“A enerxía eléctrica é un recurso esencial e un produto de primeira necesidade para a vida humana e económica”
Ademáis, a enerxía ha ser un recurso público, o que obrigará a que os operadores privados se subordinen ao interese público e abrirá a posibilidade real (non a obrigatoridade) de que a Xunta e as Administracións locais poidan desenvolver operadores enerxéticos públicos. E para o interese público é esencial reducir os custos do transporte, polo que o os territorios haberían tender á autosuficiencia enerxética, como defende a asociación galega de consumidores ACOUGA.
O que obrigaría moito menos a deseñar macroparques eólicos terrestres e mariños e máis a aproveitar a optimización da teconoloxía nos últimos tempos e inzar Galicia e todo o Estado de placas para aproveitamentos fotovoltaicos e termosolares nos edificios públicos, naves industriais e establecementos comerciais e vivendas unifamiliares e comunitarias. Velaí o exemplo da recente instalación de máis de 650 kw en 11 naves industriais no Novo Milladoiro-Ames, polo Grupo Vagalume Enerxía e Santiago Sur.
“Cómpre un reprantexamento global tanto dos retornos que a produción enerxética ha de lle xerar a Galicia como país (…) como na compensación tarifaria que os consumidores domésticos e empresariais galegos”
E, na lóxica de fomentar a autosuficiencia enerxética e reducir substancialmente o transporte, que é un dos principais factores do encarecemento da factura eléctrica, cómpre un reprantexamento global tanto dos retornos que a produción enerxética ha de lle xerar a Galicia como país, aos seus concellos produtores e aos propietarios privados e comunais como na compensación tarifaria que os consumidores domésticos e empresariais galegos haberíamos desfrutar polos custos ambientais e económicos que padecemos por mor dunha sobreprodución enerxética destinada a outros territorios, nomeadamente á rexión madrileña, que consume enerxía a eito sen producila.
Enerxía pública e galega, porque o modelo actual é exemplo de depredación oligopólica e explotación colonial.