É evidente que Vladimir Putin pasa polo seu peor momento político, motivado polos reveses militares da súa estratexia en Ucraína. Toda vez a xa oficialmente recoñecida como “guerra” nese país entrou de súpeto na esfera pública e privada dos rusos, aumentan as interrogantes sobre qué é o que está sucedendo dentro do Kremlin. Se estamos ante o posible final do “putinismo” ou, máis ben, ante unha reconversión do mesmo baixo outros rostros.
Cando se fala de Rusia, é común tipificala baixo frases e declaracións de figuras históricas que, visto dende diversos ángulos, procrean igualmente os incesantes estereotipos nos mass media e na opinión pública global. Unha das máis populares é aquela famosa de Winston Churchill na que cualificaba a Rusia como “un acertixo, envolto nun misterio dentro dun enigma”. Visión que, visto o actual contexto, podería aplicar sobre o que está sucendendo neste momento dentro das lendarias murallas do Kremlin.
Con todo, non semella que os ventos de protesta contra Putin leven necesariamente a unha “primavera” democrática en Rusia, tal e como ansían en Occidente. Máis ben o enfoque se fixa nunhas elites ultranacionalistas e os “falcóns”, os sectores que esixen unha resposta dura contra Ucraína e a OTAN. Unha derrota militar e política no considerado como “berce da Madre Rusia” e do eslavismo (a Rus de Kiev) sería por tanto inaceptable para a sociedade rusa e as súas elites. O “putinismo” comprende que a súa supervivencia como réxime está moi condicionada sobre o que suceda en Ucraína pero non necesariamente está atada a ela.
“Non semella que os ventos de protesta contra Putin leven necesariamente a unha ‘primavera’ democrática en Rusia, tal e como ansían en Occidente”
No foco está tamén como a sociedade rusa acometerá a “mobilización parcial” decretada a mediados de setembro por Putin para acometer unha nova fase na guerra ucraína, toda vez o Kremlin xa afinou o encaixe legal de admisión na Federación rusa das repúblicas separatistas de Donetsk, Lugansk, Jersón e Zaporiya tras uns referendos express non recoñecidos pola maior parte da comunidade internacional. Putin manexa claves históricas moi presentes no imaxinario ruso, como é o caso da noción de Novorrusia que comprende territorios das actuais Bielorrusia e Ucraína.
A ofensiva militar ucraína estase concentrando precisamente na recuperación deses territorios así como de Crimea, desde 2014 baixo soberanía rusa. A voadura da ponte que une a Crimea con Kerch é un síntoma destas expectativas de Kiev, toda vez o misterio en torno ás explosións do gasoduto Nord Stream e agora de Kerch amplían tamén as expectativas occidentais por destruír as infraestruturas de poder rusas.
Crecen tamén as críticas contra o Kremlin sobre os mecanismos de recrutamento de efectivos para a fronte ucraína. Fálase de levas masivas de rusos pobres e de minorías étnicas como os buriatos, kalmukos e caucásicos. A recente designación no escalafón de mando militar do presidente checheno Ramzán Kadírov (cuxa única credencial foi pedir “man dura” en Ucraína e incluso o uso de armamento nuclear táctico) é claramente unha mensaxe do Kremlin para animar a esas minorías étnicas a alistarse. Con todo, en Occidente xa se fala, sen ambigüidades, dun posible motín militar contra Putin ante o presunto descontento das tropas.
Por outra banda, Occidente está afinando estratexias de illamento total cara Putin e o seu aliado bielorruso Aleksandr Lukashenko. Incluso a (des) información latente con esta guerra ucraína aventúrase a “prognosticar” a posibilidade de unión de Bielorrusia con Rusia.
Un exemplo desta estratexia occidental é o recente cumio de Praga para a creación da Comunidade Política Europea agrupou a 44 países, entre eles aliados rusos como Hungría e Serbia e outros cos que Moscova ven tendo tamén importantes relacións como Turquía, membro da OTAN.
Toda vez este embrión de unificación política europea busca rescatar o europeísmo ante o avance dos populismos de dereitas (Italia, Hungría, Polonia, Suecia), está por ver se a estratexia anti-Putin reverterá en resultados tanxibles toda vez o Kremlin aposta pola vía euroasiática e a súa “asianización” vía China, India e Irán. Por certo, así como Turquía, China e India xa amosaron ante Putin as súas respectivas reservas (léase incomodidades) pola guerra ucraína aínda que este contexto non altera os imperativos xeopolíticos euroasiáticos, en particular ante o reto que supón a “otanización” de Biden.
Polo pronto, as recentes restricións de ingreso a Europa para cidadáns rusos que fuxen dese país non é unha nova que precisamente propicie os canais de entendemento “anti-Putin”. Busca Europa con isto alentar unha rebelión popular contra Putin, a tan ansiada e postergada “Primavera” rusa? Con estas restricións, está perdendo Europa unha oportunidade clave vía diáspora rusa para propiciar un cambio de poder en Moscova? Alimentará este contexto unha maior “rusofobia” en Occidente, efecto contraproducente precisamente aos intereses occidentais “anti-Putin”?
Mentres a seguridade occidental está atenta ao que suceda coa disuasión nuclear rusa (sen esquecer as tensións misilísticas actuais entre Corea do Norte, Japón e Corea do Sur) e súa arma enerxética (recentes ataques ao oleoduto Nord Stream) un membro da UE e da OTAN como Polonia pide a EE.UU acoller arsenal nuclear en territorio polaco “para frear a ameaza rusa”.
“Coido que Polonia moi probablemente converterase nun actor estratéxico que saque ganancia do conflito”
Coido que Polonia moi probablemente converterase nun actor estratéxico que saque ganancia do conflito, toda vez Ucraína obsérvase dividida de facto e tutelada vía protectorado “otanista”, cunha Rusia que xa admitiu nas súas fronteiras aproximadamente un 20% do Leste dese país. O novo “Telón de Aceiro” churchilliano do século XXI o veríamos precisamente nesa división territorial ucraína.
Nestes días, o politólogo estadounidense Francis Fukuyama, aquel teórico do “fin da historia” en 1989, reapareciu anunciando en clave profética un “inminente colapso de Rusia”. Isto coloca o foco de atención absolutamente centrado nos eventuais pulsos de poder que se traducen dende os pasillos da fortaleza amurallada do Kremlin e no entorno de Putin.
“A oligocracia que impera en Rusia desde o final da URSS, definirá un ‘golpe de timón’ cara un réxime militarista trazado polo ultranacionalismo ruso como eixe vertebrador?”
Pero volvemos á interrogante do inicio: estamos realmente ante o final do poder de Putin? Ou máis ben a oligocracia que impera en Rusia desde o final da URSS definirá un ‘golpe de timón’ cara un réxime militarista trazado polo ultranacionalismo ruso como eixe vertebrador? Ten aínda marxe de manobra Putin para reverter a guerra ucraína ao seu favor ? En perspectiva, ningún escenario vese absolutamente irreversible ou “inminente”, tal e como vaticina Fukuyama.