Entendermos a liberdade de expresión.

Cadernos da viaxe.

 Como xa sabe o mundo todo, o socio hexemónico e CEO do Grupo META (propietaria da mensaxería instantánea WhatsApp e das RRSS Facebook, Instagram e Threads), Mark Zuckerberg, ven de eliminar os sistemas de fact-checking ou verificación “a posteriori” dos contidos das súas RRSS para-disque- alargar substancialmente o ámbito da liberdade de expresión, esfarelando o sistema que establecera no 2016 para impedir as fake news e aliñándose inequívocamente coa X (antiga Twitter) do número dous oficioso de Donald Trump, Elon Musk e co propio presidente eleito dos USA, ao tempo que trasladaba os servizos de edición das súas RR.SS. da hexemonicamente demócrata California á hexemonicamente republicana Texas. Ao tempo pedía a intervención da nova Administración Trump para salvar o seu grupo empresarial da nova regulación normativa dixital da Unión Europea (UE).

Coincide esta “rendición” de Zuckerberg coa ofensiva mediática, financeira e dixital de Elon Musk a prol das extremas dereitas europeas nos vindeiros procesos electorais, o que nos habería achegar unha idea da transcendencia desta grave diverxencia entre unhas e outras visións da liberdade de expresión. Velaí a importancia de entendermos sta liberdade e recoñecermos o seu perímetro e delimitación.

Vaia por diante que USA e a UE (en xeral non só os 27, senón os 46 Estados membros do Consello de Europa, que recoñecen a xurisdición do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos-TEDH- na interpretación da Convención Europea de Dereitos Fundamentais e Liberdades Públicas de 1949-CEDH-) teñen distinta concepción da liberdade de expresión. Nos USA nunca é delicto queimar unha súa bandeira das barras e das estrelas, mais tampouco é delicto queimar unha cruz de lume no xardín ou na leira dunha persoa afroamericana-moitas delas prefiren o adxectivo black– A cultura xurídica USA e a xurisprudencia do seu Tribunal Supremo sacralizan a liberdade de expresión (freedom of speech) ao abeiro da súa First Amendment (primeira emenda á súa Constitución) e exclúen a posibilidade que existan delictos de odio. Só a apelación  inequívoca e potencialmente eficaz á comisión certa e máis ou menos inmediata dun delicto violento pode ser obxecto de represión penal. É un concepto negativo, que prohibe todo acoutamento desta liberdade, propio dun concepto individualista- libertario da liberdade de expresión.

“Vaia por diante que USA e a UE (…) teñen distinta concepción da liberdade de expresión”

Pola contra, a UE promulgou unha Decisión-Marco no 2008 para que todos os seus Estados Membros (EM) regulasen os delictos de odio como límites á liberdade de expresión, alicerzándose nunha xurisprudencia do TEDH que consideraba que as manifestacións máis graves do discurso do odio ou da discriminación contra persoas deses colectivos vulnerábeis ou historicamente discriminados non poderían alicerzarse nunca na liberdade de expresión e, xa que logo, poderían-e mesmo deberían-ser penalmente sancionadas. Todos os EM regularon despois a tipificación penal dos delictos de odio.

Xa que logo, no contexto da UE e do Consello de Europa, no que impera a xurisprudencia do TEDH,  rexe un concepto comunitarista da liberdade de expresión, diferente do concepto USA. Velaí o artigo 20 da Constitución do Estado español (1978) que recoñece o dereito a recibir e transmitir libremente información veraz, limitando este dereito no dereito de todos á súa honra e imaxe e nos demais dereitos recoñecidos na Constitución, entre eles o capital dereito a non ser discriminadas as persoas susceptíbeis de selo, como membros de colectivos vulnerábeis e historicamente discriminados.

O propio artigo 20 da Constitución distingue entre o dereito de comunicar e recibir información veraz a respecto do dereito á libre difusión de pensamentos, ideas e opinións, a respecto da que non se fixa ese límite da veracidade. É dicir, fronte á libérrima expresión e difusión  de opìnións e ideas a libre expresión e  difusión das informacións require do requisito da súa veracidade. Velaí a protección civil e penal do dereito constitucional á honra persoal e á privacidade ou os termos case absolutos do dereito de rectificación a respecto das informacións que nos afecten.

No ámbito público a xurisprudencia norteamericaana descoñece estas diferenzas europeas mais no ámbito privado (intracorporativo, p. ex. universidades, empresas, fundacións e asociacións), quizais como reacción á falla de control xudicial sobre a veracidade da información, desenvólvese un amplo control das opinións e informacións difundidas nese ámbito privado, que pode chegar até a chamada cancelación sen que a persoa prexudicada poida, en xeral, obter unha reparación xudicial, porque o libertarismo individualista da first amendment protexe tamén o dereito de regulación interna destas entidades corporativas.

Velaí as diferenzas entre a libre expresión de opinións e a libre expresión de informacións e mais as diferenzas de tratamento normativo e, sobre todo, xurisprudencial, entre o sistema xurídico USA e o europeo. Nas vindeiras semanas desenvolveremos no noso artigo Definirmos a veracidade das informacións a cuestión de se é conveniente algunha caste de fact-checking dos feitos obxecto de información e , no seu caso, se ha de se incorporar a priori ao mecanismo de edición do medio ou suxeito difusor ou realizarse a posteriori por terceiros, así como o desenvolvemento futuro da guerra mediática e política entre a desregulación USA que propoñen X e META fronte á nova normativa dixital da UE. Para rematarmos cunha terceira achega Alargarmos a liberdade de expresión no que analisaremos as chatas que aínda sofre a liberdade de expresión no Estado español (vgr. delictos de inxurias á Coroa, apoloxía do terrorismo e contra os sentimentos relixiosos e “lei mordaza”).

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.