Semella que cada vez hai máis xuristas que recoñecen a plena constitucionalidade da amnistía. Agora mesmo un antigo presidente do Tribunal Constitucional como Pascual Sala considera indubidábel esa constitucionalidade formal que se alicerza na súa non prohibición constitucional (fronte á prohibición constitucional dos indultos xerais), na presenza da amnistía como causa de extinción da responsabilidade penal na vixente Lei de Axuizamento Criminal e na natureza esencialmente política e parlamentaria da amnistía (fronte á administrativa e gobernativa do indulto, que require dun procedemento regrado malia a ampla marxe de discrecionalidade da decisión do Goberno do Estado), que extingue a responsabilidade criminal, mentres o indulto só extingue a pena.
Unha amnistía que habería de se aprobar no medio dunha lei orgánica para que teña efecto delimitador a respecto do Código Penal canto ás condutas que xa non serían perseguíbeis.
Agora ben recoñezo que, sendo constitucional, a aprobación dunha lei orgánica de amnistía constitúe unha grave excepcionalidade nun sistema democrático. Impedir a pescuda e axuizamento de condutas que poden constituir delictos só será compatíbel cun sistema democrático e cunha xustiza independente se existiu algunha caste de tratamento potencialmente discriminatorio ou desigual na represión das condutas investigadas conectadas coa reivindicación do dereito de autodeterminación de Catalunya posterior á convocatoria por Artur Màs da consulta de novembro de 2014.
“Agora ben recoñezo que, sendo constitucional, a aprobación dunha lei orgánica de amnistía constitúe unha grave excepcionalidade nun sistema democrático”
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (UE) dictou o 31 de xaneiro deste 2023 unha sentenza, xa definitiva, na que considerou que calquera órgano xudicial dun Estado Membro (EM) da UE poderá rexeitar unha euroorde de prendemento e extradición se coida que existen deficiencias no sistema xudicial do EM que reclama a euroorde que afecten a tutela xudicial efectiva dun colectivo obxectivamente identificábel de persoas ao que pertenza a persoa reclamada pola euroorde.
E tamén considerou que a existencia de informes do Grupo de Traballo sobre o Prendemento Arbitrario da ONU (GT da ONU) constituiría, entre outros, un elemento acaído para que o órgano xudicial do EM requirido axuizara esa afección á tutela xudicial efectiva das persoas dese grupo obxectivamente identificábel.
O GT da ONU considerou en dous informes de 2019 e 2020 que a prisión acordada polo Tribunal Supremo a sete das persoas axuizadas no chamado xuizo do procès, constituiu unha vulneración do seu dereito á liberdade persoal.
E o fenómeno seica se repetiu diante de desproporcionadas –e xeneralizadas– acusacións de terrorismo a activistas cataláns ou a moi recente e desaquelada condena de catro anos e medio de cárcere a respecto do conseller de Interior Miquel Buch.
Velaí a necesidade dunha amnistía para restablecermos a normalidade democrática e pasarmos páxina, non sen antes aprendérmola.