Salvaterra de Miño | Co descenso de casos positivos e a redución das restricións sanitarias impostas pola COVID 19, o Concello de Salvaterra está a preparar o seu tradicional ENTERRO DA LAMPREA do próximo 5 de marzo a partires das 17:00h.
Se ben é certo que a situación sanitaria está sendo favorable nestes últimos días, tamén o é que non debemos esquecer o cumprimento dunhas medidas mínimas básicas que permitan garantir un control sobre a propagación do virus.
Por este motivo, o Concello organiza un desfile de carrozas e música para despedir a comitiva da defunta Lamprea, pero sempre mantendo as máximas medidas de seguridade.
Coma todos os anos faise unha invitación a todas aquelas persoas que queiran acompañar a lamprea participando como “choronas” e acompañando en todo momento a comitiva no seu percorrido polas rúas, saíndo de Rosalía de Castro, Rúa Castelao, Rúa Fonte da Vila e Dona Urraca, para rematar na praza do Concello onde o Notario dará lectura das últimas vontades da defunta.