Oia | A nova Corporación Municipal de Oia celebrou este venres o primeiro pleno do mandato, unha sesión extraordinaria na que se aprobaron as propostas de organización e funcionamento para os vindeiros catro anos.
As sesións ordinarias dos plenos municipais terán unha periodicidade bimensual e celebraranse o último xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro ás 9.00 horas.
Por outra parte, a rexedora designou tres tenencias de Alcaldía. O primeiro tenente de alcaldesa será Augusto Lomba, que tamén será concelleiro de Comercio, Mocidade e Medio Rural; a segunda tenencia de alcaldía recaerá en Carmen María Estévez, a cargo de Felicidade, Cultura e Servizos Sociais; e o terceiro tenente de alcaldesa será Jose Manuel Rodríguez, que levará as áreas de Vías e Obras, Accesibilidade e Medio Ambiente. Francisco Giráldez levará a concellería de Alumeado Público e Eficiencia Enerxética e Modesto Pereira a concellería de Deportes. A alcaldesa asumirá persoalmente as áreas de Turismo, Igualdade, Educación, Urbanismo e Persoal.
Tamén se aprobaron dúas dedicacións exclusivas e unha parcial. Na lexislatura que vén de comezar a alcaldesa percibirá 37.000 euros brutos anuais, Jose Manuel Rodríguez percibirá 27.000 euros brutos anuais e Carmen María Estévez 22.000 euros brutos anuais.
Unha cantidade maior cá do mandato anterior, xa que as asignacións anteriores da alcaldesa e da concelleira foran minoradas respecto do anterior rexedor no 2015 e as mantiveran conxeladas desde entón.
Outros asuntos do pleno
Na sesión plenaria de hoxe tamén se deu conta da constitución de grupos políticos municipais e dos representantes municipais nos consellos escolares dos dous colexios do municipio, así como da escola infantil. Ademais creouse a Comisión Especial de Contas, preceptiva por lei e encargada de informar a conta xeral de xeito previo á aprobación plenaria.
Por outra banda, a alcaldesa aproveitou este pleno extraordinario de organización para aprobar o inicio do procedemento de contratación da obra “Eira Nova. Reforma da praza de abastos” para edificio multiusos” cun orzamento bianual de 946.242,34 euros, e a obra de “Cambio de céspede artificial do campo de fútbol das Tornas” por importe de 258.783,58 euros.
A partir de hoxe publicaranse os pregos na plataforma do Estado para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas no prazo de 20 días naturais e 15 días naturais, respectivamente.