Ourense | Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celebrará a súa 24ª edición en Expourense entre o 2 e o 5 de novembro introducindo importantes novidades co obxectivo de atraer maior número de visitas. A primeira delas é que a entrada será, por primeira vez, gratuíta.
Tamén será gratuíta, ata completar aforo, a participación en calquera das máis de cen actividades que ofrece o programa desta edición e que inclúen talleres de cociña en directo da mans de chefs galegos, portugueses, costarriqueños ou colombianos, entre outros países; catas comentadas de produtos como veu, queixo, mel ou conservas, ou a presentación con degustación dunha quincena de festas gastronómicas de Galicia.
No ámbito da restauración tamén haberá novidades. Xantar 2023 contará con catro restaurantes no formato habitual e os que se ofrece un menú pechado elaborado a base de produtos autóctonos de calidade do destino do que procede o responsable do restaurante.
A novidade será que ademais disto, o salón ofrecerá unha gran “Zona de Tapas” con comedor central no que as visitas poderán elixir entre distintos tipos de comida (desde unha ración de polbo ata un taco mexicano) axustando a elección ao seu apetito e orzamento.
Xantar 2023 pretende converterse ademais no punto de encontro ou “quedada” para despois da xornada laboral coa organización de tres concertos de bandas galegas dirixidas a un público de mediana idade que se achegue ao salón para gozar da música e tomar algo ou cear alí despois. Os concertos terán lugar de 21.00 a 23.00 h. o xoves 2 (Tonichi e Pacheco); venres 3 (Gin Toni`s) e sábado 4 de novembro (Dr. Slump).
O horario de feira será o habitual, de 11.30 da mañá ata a unha da madrugada, agás o domingo 5 de novembro que a feira pecha ás 18.30 horas.