Salvaterra de Miño | Os Centros Educativos do Municipio son os encargados de abrir os actos do entroido co seu xa tradicional Desfile, que terá lugar o venres 24 de febreiro, dende a Praza do Concello ata o Auditorio do Parque Público A Canuda, en caso de choiva trasladarase ao Pavillón de Leirado.
O Martes 28 é o día dos nenos e nenas de Salvaterra, a partir das 17.30 horas a Casa de Cultura ofrecerá diversas actividades para eles, dende karaoke ao Concurso de disfraces, todo isto acompañado de rosca e chocolate para todos os asistentes. As bases do Concurso de Disfraces están a disposición de todos aqueles que as queiran na páxina do Concello (www.concellodesalvaterra.org).
O mércores 1 de marzo, ás 17.00h, na Praza do Concello (en caso de choiva suspenderase) todos os cativos que se acheguen poderán desfrutar de música, globoflexia, maquillaxe e tatuaxes de fantasía.
E como non, o Entroido en Salvaterra péchase ao grande, co ENTERRO DA LAMPREA. Este ano, cun presuposto de 5.500€, xa están confirmadas máis de 12 carrozas de toda a contorna, con máis de 1.200 participantes neste desfile que ano a ano vaise consolidando, con miles e miles de persoas que se achegan ao noso municipio para darlle o último adiós a nosa querida lamprea. Dende o Concello queremos animar a tod@s aqueles que lle guste o entroido, a participar con nos, dentro da propia comitiva da defunta, como choronas e facer con ela o seu último percorrido.