Ponteareas | Ponteareas prepárase para recibir ao Entroido por todo o alto. Nesta nova edición, o Concello aumenta a súa colaboración coas comparsas para a súa participación nos tradicionais desfiles de Entroido que percorren as rúas da vila enchéndoas de cor e diversión.
As asociacións ou colectivos interesados en participar poderán realizar a súa solicitude dende o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), prevista para a vindeira semana, ata o vindeiro xoves 16 de febreiro ás 12.00 horas.
Cada comparsa deberá contar cun mínimo de 25 participantes para poder optar ás mencións e gratificacións por participación. O Concello incrementa nesta edición a axuda por participación para cada comparsa, que se concederán a todas aquelas que participen os tres días de desfile en función do número de participantes. Ata 30 membros concederase unha axuda de 450 euros, e a partir dos 31 integrantes incentivarase cada membro da comparsa con 10€ a maiores, ata un máximo de 1.500 euros.
Haberá ademais mencións que concederá o xurado tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a temática, o vestiario, a animación musical en directo, a coreografía, a tradición, a interacción co público, o uso de materiais reciclados e ecolóxicos ou a mellor carroza.
O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, anima a todos os colectivos e asociacións “a participar nesta nova edición do Entroido que busca fomentar e preservar os nosos sinais de identidade nunha actividade que contribúe á consolidación de Ponteareas como unha vila viva e dinámica”.
As comparsas participarán nos desfiles, que se celebrarán o domingo 19 de febreiro ás 17.00 horas e o martes 21 ás 19.00 horas, así como no enterro da sardiña o mércores 22 ás 20.00 horas de rigoroso loito.