Cadernos da viaxe.
O 4-M publicouse no BOE o Plan de Ordenamento de Espazos Marítimos (POEM), aprobado polo Goberno do Estado e que reserva para o mar galego o 47% do total do Estado para a produción de electricidade vía eólica mariña.
Esta reserva atenta contra as zonas históricas de pesca da frota galega que desenvolve nesas áreas sistemas de pesca sostíbel. Presenta, tamén, uns documentados riscos ambientais a respecto das especies mariñas e aéreas. E non define compensación ningunha a xeito de avantaxes tarifarias para os consumidores e empresas galegos nin de recadación para a Administración autonómica galega.
Pola contra,semella definir espazos para a concesión de grandes parques só explotábeis por grandes empresas multinacionais, sen que a Galicia que os padece poida recibir achega ningunha da súa ubicación e eventual operatividade, o que constitúe, en aqueladas verbas do profesor de Dº Administrativo da UDC Carlos Aymerich, un nidio exemplo de colonialismo enerxético.
É evidente a necesidade da transición enerxética europea cara un balance enerxético cun nidio predominio das fontes renovábeis. Mais Galicia xa fixo a súa parte, cun 57% de superávit canto á produción enerxética (actual!!) vía fontes renovábeis a respecto dos obxectivos da UE para o 2030. Asemade, o próprio Parlamento Europeo aprobou, o 03.05.2022, unha resolución na que,contrariamente ao lexislado polo Estado, determinaba que os caladoiros históricos e tradicionais específicos dos pescadores haberían ficar libres de enexías renovábeis mariñas sen que puideran construirse parques eólicos sen se producir consencuencias económicas, sociais e socioculturais negativas para pescadores e produtores acuícolas. Nestes mesmos termos definiuse a maioría parlamentaria estatal no Congreso o 07.06.2022.
Nesta andaina é chocante a desaquelada opinión de Greenpeace, fronte ao ecoloxismo galego mais coñecedor do ecosistema humano e social das nosas comunidades pesqueiras, ao apoiar esta barbaridade e mesmo pedir a ampliación dos espazos destinados á eólica mariña. Os que tanto fixeron a nível global e mesmo galego, coa súa determinación fronte a planta de ENCE na ría de Pontevedra, non son quen de distinguir entre as artes de arrastre fixo sostíbeis da nosa frota (palangre, nasa ou volanta) a respecto das artes de arrastre móbiles que son as artes da desfeita ecolóxica, como ten recoñecido a eito a autoridade científico-marítima internacional do ICES.
“É chocante a desaquelada opinión de Greenpeace, fronte ao ecoloxismo galego mais coñecedor do ecosistema humano e social das nosas comunidades pesqueiras”
A transición enerxética non se pode facer sacrificando un sector económico fulcral da Galicia nin facéndolle asumir os custos ambientais, sociais e económicos da mesma. Dar sen recebir, perder sen gañar é, simplesmente, un xeito de explotación neocolonial.