Si, si, é así. Os resultados son estes. E as leis ben din o que din e agachan o que agachan. Son códigos de entendemento moi sibilinos e ao mesmo tempo audaces. Ninguén acata ou cumpre, andamos pola beira procurando esquivar os seus dentes aceirados. Eles son os primeiros, xuíces, letrados e demais procuradores desas barreiras que deberan establecer igualdade e ser observantes do cumprimento da norma, aquela que supostamente defende o pluralismo promovendo a diferencia.
E non só son uns cantos, segundo os resultados das votacións, son moitos os que de boca aceptan mais nos feitos rexeitan. E sacan moitos votos e teñen discursos de medo e xenreira, falan de volver e regresar ao branco e negro, ao pálido pigmento avellentado. Seremos así, tal como pintan os números? Non é que haxa unha lei que acolla nin rescate, ou repare ou nivele, ou recupere. Son leis que aparentan incluír, mais non o fan.
A evidencia verifícase ao empregar -cos gobernados- ese discurso autoritario e centralista, que afirma certo fanatismo supremacista, o que abusa das minorías e que se fai tan notorio, nos seus propios eufemismos. Hai que ver os números e non volverse tolos. Son números terroríficos e devastadores.
“Hai que ver os números e non volverse tolos. Son números terroríficos e devastadores”
Pero, seremos así? Para xustificarnos metemos algunhas adxectivacións que saen doadamente porque estamos nese cansazo que se fai crónico, ese que pode confundirnos. O certo é que queda moito por facer, moito máis do que pensabamos. A min que xa non me prometan nada, non vou crer o que digan. Tanta lei agardando para facer camiño. E nada!
E na relación co Estado, pola nosa parte, trátese de ver como nós temos que saber de eles, insisten os números, mentres eles non saben de nós, nin queren porque nunca tiveron esa vontade de achegarse. Nós temos a “obriga” de sabelos e eles non teñen a ansia sequera de coñecernos. Algo non está equilibrado. Non é que non nos coñezan, é que non nos saben, non nos entenden nin dialogan. Para que? E así pasa o que pasa, os números son teimosamente crueis.
Ancorados nesta relación frustrada e aínda colonizadora, un tanto intolerante e exclusiva, vemos que se amosan vítimas e son verdugos, redactan da súa man as leis que nos rexen e teñen esa ousadía de escurecer aspectos que están claros, teorizan no inadmisible das praxes da paranoia, veñen compensarse para esquecer o que sempre esqueceron, aquilo de considerar, mesmo estimar. Pois iso, saúde e cante o merlo! Que saiban que non hai tempo que perder, recuperarémonos, nós nunca deixaremos de ser quen somos, mal que lles pese!