Xinzo de Limia | O vindeiro sábado 3 xullo terá lugar no auditorio do Centro Cultural de Xinzo o III Concurso de Solistas da Escola de Música e xa é posible inscribirse para participar. Só poderán facelo aqueles alumnos matriculados na Escola no actual curso 2020/2021, aínda que os gañadores do primeiro premio nas edicións anteriores non poderán competir na mesma categoría.
O concurso consta dunha soa fase na que os participantes tocarán por orde alfabética de primeiro apelido, comezando por unha letra elixida ao azar o propio día do concurso. A obra ou estudo a interpretar será elección persoal do participante, pero en ningún caso poderá estar acompañado por un pianista.
Os participantes divídense en tres categorías diferentes —A, B e C—, dependendo do nivel do músico. Na categoría para poden inscribirse os participantes matriculados en primeiro ou segundo nivel elemental; na B, os de terceiro e cuarto nivel elemental e os de nivel complementario que non cumprisen 18 anos na data do concurso; e o a categoría C, alumnos de nivel complementario maiores de 18 anos.
O xurado do concurso será o que proclame aos gañadores. Estará formado por profesores da Escola de Música e representantes da Banda de Música. O día do concurso cada participante deberá entregarlle tres fotocopias da obra ou o estudo para interpretar e calquera membro do xurado poderá deter a actuación se así o considera.
Os premios son diferentes segundo as categorías nas que se participe. Na categoría A tan só obsequiarase con agasallos aos participantes, mentres que tanto os da B como os da C recibirán axuda económica para compra de material musical —50€, 40€ ou 30€ dependendo do premio que se gañe —, ademais de participar nun concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo como solista o gañador do primeiro premio.
Os interesados en inscribirse deben encher o formulario correspondente e depositalo na caixa de correos que se atopa na porta da oficina da Escola de Música. O prazo expira o próximo 11 de xuño.