Esgos estrea biblioteca na que fora unha palleira

Foi cedida por Lourdes Parada coa cooperación da Deputación de Ourense

Esgos | O municipio ourensán de Esgos ten, desde hoxe, unha nova biblioteca co nome de “Delio Parada Carballo”. Unha infraestrutura cultural moi demandada, tal e como explicou o alcalde da localidade, Mario Rodríguez, xa que a que existía ata o de agora, nos baixos do Concello, resultaba insuficiente.

Á inauguración desta singular biblioteca -construída nunha vella palloza rehabilitada cun proxecto arquitectónico de César Portela-, asistiu o presidente provincial, Luís Menor, quen recalcou que o de hoxe é “un día grande para Esgos”, dado que o feito de “recuperar un espazo para convertelo nun lugar dedicado á Cultura é sempre unha boa nova. E cando ese espazo é froito da xenerosidade veciñal multiplícase o efecto desa boa noticia”.

Por elo, Menor lembrou que a palloza na que se ubica hoxe a nova biblioteca foi doada por Lourdes Parada, filla de Delio Parada Carballo que lle dá nome desde hoxe a este espazo: “nada sería posible sen ese acto de xenerosidade”, sinalou o presidente provincial, quen recalcou tamén que o paso seguinte, o da colaboración institucional, foi crave para culminar o proxecto, para o que a Deputación aportou cen mil euros.