Esgotadas en 15 minutos as prazas para a 2ª Ruta Ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”

O Complexo Intermareal Umia-O Grove será escenario o 16 de febreiro da iniciativa da Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife


Pontevedra | En menos de 15 minutos cubríronse esta mañá as 25 prazas dispoñibles para participar na segunda excursión da terceira edición de “Voando nas Rías Baixas”, un programa ideado pola Deputación de Pontevedra en colaboración a SEO Birdlife. Esta ruta ornitolóxica terá lugar o vindeiro 16 de febreiro para observar aves acuáticas e mariñas do Complexo Intermareal Umia-O Grove, zona protexida pola Rede Natura 2000, e un dos humedais máis importantes do estado. O interese da cidadanía por estas rutas tamén se evidencia no feito de que se recibiron máis de 60 solicitudes nos 15 minutos que estivo aberto o formulario de inscrición.

O escenario no que se desenvolverá a actividade, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, é o mellor lugar de Galicia e un dos mellores de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade coma pola sorprendente cantidade de exemplares, posto que máis de 18.000 paxaros pasan os meses fríos nesta reserva, onde o cullereiro ten a principal localidade de invernada e de paso migratorio galego.

Ademais, neste territorio situado nos concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados son destacables as concentracións de limícolas coma gabitas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de parrulos, garzas, gaivotas, carráns ou corvos mariños, que se desprazan a esta reserva desde o norte de Europa para aproveitar a súa riqueza. É por isto polo que no ano 2014 unha parte do complexo foi declarada reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove, sendo a reserva ornitolóxica máis grande de España, a única de Galicia e a única que conta con medio mariño.

Deste xeito, “Voando nas Rías Baixas”, o programa no que se atopa inserida esta excursión, enmárcase no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Esta edición está composta por cinco rutas. A primeira delas tivo lugar na enseada de San Simón o 26 de xaneiro, mentres que despois da visita ó Complexo Intermareal Umia-O Grove a iniciativa viaxará ata o Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, o 8 de marzo; as Brañas de Xestoso, o 31 de maio, e a Serra do Suído, o 21 de xuño. Para a terceira ruta guiada o prazo abrirase o 24 de febreiro.

En todos os roteiros se disporá de material para a observación das aves e de guías de SEO-Birdlife que achegarán ás persoas participantes toda a información sobre onde localizar as aves e as súas características.