Partindo do tongo do festival de Eurovisión, cuxo xurado foi incapaz de valorar a fermosa canción en galego das nosas Tanxugueiras; co cal demostran unha vez máis que a suposta aceptación da pluralidade lingüística do Estado tamén é un tongo. Igual que a reforma laboral: outro tongo.
A monarquía, “reformada e moderna” ao servizo do pobo: tongo. Os valores cristiáns da Igrexa e a súa adecuación aos tempos, tongo. A profesionalidade dos medios de comunicación maioritarios, tongo. Os libros de Historia de España, tongo. Os valores democráticos das nosas élites, tongo. O “constitucionalismo” de VOX, tongo.
Hai algo que non sexa un tongo? Si, a destrución de Galiza en todos os eidos non é un togo. Que Feijóo e o PP nos levan á extinción como realidade diferenciada non é un tongo.
“Hai algo que non sexa un tongo? Si, a destrución de Galiza en todos os eidos non é un togo”
A opresión española, sutil ou descarada, non é un tongo. Que Galiza non ten soberanía nacional e que en Madrid deciden por nós e en contra nosa non é un tongo. Que o BNG é a única opción de futuro que ten Galiza non é un tongo. Que a violencia contra as mulleres é inasumíbel como sociedade non é un tongo. Que hai moita resistencia a respectar os dereitos das persoas LGTBI+ non é un tongo. Que existe o quecemento global e que a vida actual no planeta corre perigo non é un tongo. E que hoxe, día da Candeloria, disque casan os paxariños tamén non é un tongo.