Nos últimos tempos asistimos a unha proliferación de experiencias de cooperación transfronteiriza, neste caso as Eurocidades, dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e, particularmente, dentro do espazo miñoto. Dende Verín ata A Guarda, en aproximadamente 157 quilómetros atopamos cinco Eurocidades: Chaves-Verín; Arbo-Melgaço; Salvaterra-Monção; Tui-Valença; e Cerveira-Tomiño. Este 2024 veu nacer dúas mais: a Eurocidade do Miño, conformada polos Concellos de Arbo, Crecente, A Cañiza, As Neves e Melgaço; e a Eurocidade da Foz do Miño, integrada polos Concellos do Rosal, A Guarda e Caminha, esta última en fase final de constitución. Falamos con algúns dos Alcaldes/as involucrados sobre estas experiencias das Eurocidades.
“A Eurocidade do Miño complementa ás anteriormente existentes”
José Manuel Alfonso González | Alcalde das Neves
Eurocidade do Miño. Cales son as expectativas para o seu Concello?
A Eurocidade do Miño responde a unha demanda polos Concellos raianos da parte norte da fronteira húmida. Está destinada a satisfacer as demandas territoriais do intercambio cultural, deportivo e sobre todo de mobilidade. Estamos nunha zona eminentemente rural con núcleos poboacionais moi afastados, o que complica a accesibilidade da veciñanza a os servizos básicos coma a sanidade, o mercado e os actos que se realicen nos centros das Vilas.
Esta será a quinta Eurocidade dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Considera que isto fortalece a cooperación ou, polo contrario, poderíamos estar asistindo a unha saturación destas experiencias dentro do espazo transfronteirizo?
Esta Eurocidade complementa as xa existentes. Funcionan todas de forma independente e cada unha delas con características ben distintas en canto ao territorio e poboación.
“Achégase un novo escenario de Fondos Comunitarios e deberíamos participar con proxectos conxuntos para o noso territorio”
Ánxela Fernández Callís | Alcaldesa do Rosal
O Concello do Rosal vén de aprobar en pleno municipal a súa inclusión na Eurocidade da Foz do Miño. Cales son as expectativas en torno a esta entidade transfronteiriza con Caminha e A Guarda?
A creación da Eurocidade da Foz do Miño é unha oportunidade para traballar en proxectos comúns que sigan tecendo os lazos que sempre uniron aos nosos veciños e veciñas, dunha e da outra beira do Río Miño, que constituímos un mesmo pobo historicamente en termos de convivencia, comercio, cultura ou desenvovemento económico. Son diversos os proxectos comúns nos que podemos traballar: gastronómicos, culturais, deportivos. Tamén temos algunhas reivindicacións e loitas conxuntas diante da inacción das administracións supramunicipais, nun río transfronteirizo con grandes retos en termos de sostibilidade ambiental e tamén de mobilidade.
Son xa algunhas as Eurocidades existentes dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Considera que isto fortalece a cooperación ou, polo contrario, poderíamos asistir a unha saturación destas experiencias dentro do espazo transfronteirizo?
Coido que é moi positiva a existencia das Eurocidades. Temos o deber coa nosa sociedade de traballar en proxectos comúns e a Eurocidade é a esfera perfecta para poder consolidar estas estratexias e executar accións conxuntas. Achégase un novo escenario de Fondos Comunitarios e deberíamos ter a capacidade de poder participar con proxectos conxuntos para o noso territorio. Ademais, os datos amosan que ser fronteira xera unha clara situación de discriminación polo feito de que os ámbitos de decisión están moi afastados da realidade e as administracións competentes supramunicipais non toman partido. Adoitamos dicir que no Río Miño mandan moitos e non manda ninguén.
Por poñer un exemplo, existen plans integrais de saneamento das Rías Galegas e O Río Miño, sendo o máis importante de Galicia, está enfermo, con claras problemáticas ambientais, e non existe ningún tipo de estratexia por parte dos Estados Español e Portugués nin da Xunta de Galicia a día de hoxe para a súa xestión. Algo parecido vivimos na Pandemia co peche indiscriminado da fronteira e a situación de inxustiza que sufriron os nosos traballadores e traballadoras transfronteirizas. As Eurocidades son estruturas de traballo conxunto na realidade coa nosa cidadanía coas que fortalecer todos os lazos que nos unen e mellorar, procurar e reforzar a convivencia da nosa veciñanza dunha e da outra beira.
Por outra banda, do 14 ao 16 de xullo celebrarase a XXXI Festa do Viño do Rosal, un evento cada vez máis consolidado. Terá esta edición un significado especial no marco da creación da Eurocidade da Foz do Miño?
A idea da creación da Eurocidade é precisamente traballar nunha axenda de lecer conxunta que nos permita ter unha axenda conxunta da que a nosa veciñanza poida gozar. Nese camiño comezamos a traballar. Falta que o camiño que iniciamos sexa aprobado polos organismos competentes da Xunta de Galicia e do Estado Portugués para a partir de aí traballar arreo. Polo momento convidaremos aos alcaldes e tamén á veciñanza de Caminha e da Guarda a que desfruten da nosa gra Feira do Viño.
Nesta edición poder gozar da Feira do Viño con máis horas da historia para a enoloxía e o lecer, inaugurando a Feira xa o venres ao mediodía. Gozaremos de actividades innovadoras e moi diversas para desfrutar en familia coma un scape room centrado no sector vitivinícola, unha actividade para nenos e nenas a cargo de Xosé Tomás froito da nova obra editada polo Concello de “Entre Viños e Viñas”, un espectáculo de maxia e globoflexia ou un obradoiro de cociña para a cativada. Ademais, contaremos con concertos musicais de diversos estilos como brass band, versións, pop-rock, hindi ou tradicional e exposicións de filatelia, pintura e fotografía. Poderemos gozar da maridaxe perfecta da calidade dos nosos viños co lecer diverso para todos os públicos
“A Eurocidade da Foz do Miño pode ser unha vantaxe á hora de solicitar fondos europeos”
Roberto Carrero | Alcalde da Guarda
O Concello da Guarda avanza na constitución da Eurocidade da Foz do Miño. Cales son as expectativas en torno a esta entidade transfronteiriza con Caminha e O Rosal?
As expectativas deste proxecto conxunto son moi positivas, a diferentes niveis. No marco económico pode ser unha vantaxe á hora de solicitar fondos europeos e tamén para unha maior cooperación entre empresas locais; no marco social, é unha unión aínda máis forte cos nosos veciños portugueses, que pode traspasar ao marco cultural, como temos o exemplo recente da orquestra entre Tui e Valença.
Son xa algunhas as Eurocidades existentes dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Considera que isto fortalece a cooperación ou, polo contrario, poderíamos asistir a unha saturación destas experiencias dentro do espazo transfronteirizo?
Para nada pode ser unha saturación un proxecto conxunto que nos conecta e une aos nosos veciños só pode ser positivo. É de un xeito, institucionalizar e impulsar unha realidade de vida transfronteiriza que existe xa e que vivimos día a día.