Santiago de Compostela | A inauguración terá lugar ás 9.00 horas no Paraninfo, e a continuación o profesor da Escola Superior de Economía da Universidade de Lisboa Fernando Oliveira, un dos mellores sociólogos rurais do mundo e que fora ministro do Goberno Portugués na revolución de 1974, pronunciará a conferencia plenaria ‘Pasado e futuro da agricultura na Europa e na América’. Toda a xornada continuará con comunicacións e relatorios sobre a propiedade, organización e xestión comunais desde a Idade Media ata a transición agroecolóxica.
O encontro, que supón a sétima edición do Encontro RuralReport e a décimo sexta do Congreso de Historia Agraria, debaterá os efectos que as intensas relacións entre continentes, civilizacións e culturas provocan na agricultura, propiedade, sociedades rurais e medio ambiente.
O obxectivo é ofrecer un enfoque transnacional e transcontinental da historia rural e contribuír ao desafío de crear un espazo global de debate neste eido. Este congreso inclúe contidos sobre a paisaxe, os recursos naturais e sustentabilidade dos mesmos e os fenómenos climáticos. Así, tamén se analizarán os retos do mundo rural do presente e as respostas que ofrece a Historia Rural nos últimos tempos.
Durante un encontro cos medios de comunicación esta mañá, o catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto, asegurou que o encontro trata temas de gran actualidade como as pragas, o cambio climático e a ruralidade do mundo global. “Na historia podemos atopar as claves para solucionar cuestións actuais”, afirma.
A presentación tamén contou con membros do comité organizador como o investigador Daniel Lanero, quen destacou que o encontro é tamén “un retorno do interese polo político e polo social, en relación aos conflitos ambientais, as mobilizacións sociais e as políticas do mundo rural”, ao que engade a importancia de “amosar a historia agraria dende unha perspectiva de xénero”.
Pola súa banda, o profesor Miguel Cabo Villaverde puxo o foco de atención na multidisciplinariedade do congreso e indicou que era preciso “observar o pasado cunha mirada de presente e dende a visión dun sociólogo, un economista, un antropólogo ou outros ámbitos de estudo”.