Esquecer trae consecuencias.

Que cousas! Parece que a historia volve xogar connosco. Parecemos monecos movidos polos fíos do tempo. Os tempos, ben sabemos, son elásticos e permítense regresar, no medio doutras circunstancias, mais regresan. Serán longos tempos de monumentais monstruosidades. Veremos como os cabalos se volven aos indios. Preconízanse densuras, fronteiras, torturas, tormentos, mentiras, falsidades. E a xustiza polo chan, novamente volven a campar ás súas anchas os delincuentes. Impunes e en postos de poder, de total solvencia.

Semella que a maldición perversa de esquecer, regresa en forma de feitos, de feitos novos que acontecen por ter perdida memoria, por non aprender debidamente do noso pasado. O que sucede, porque xa empeza a suceder é de tolos. Mira por onde, seica foron os americanos -iso conta a historia e diso presumen alá- os que liberaron Europa do nazismo, a quen se lle conte! E agora veñen facendo gala daquela ideoloxía fascista e mesmo empregando os saúdos que empregaban, estendendo o brazo e con cara de perversa vinganza que aniquila a toda a xente que loita por erguer do chan, que escape da persecución, que pelexe pola dignidade.

Ben pensado é o colmo da tolemia, mirando para eles e vendo os signos que os definen, as caras enfermizas e mentalmente derivadas que poñen perdoándonos a vida a todos os demais. Crense deuses, seres superiores capaces de alterar a orde mundial, con castigos, con penalizacións a quen non bailen ao seu son, a quen non coree as súas voces berradas na ordenanza dos medos e as ameazas. Carecen de sentimentos, son duros de carácter e de aí que non entendan a beleza da diversidade, nin sequera a tenrura do amor cara aos demais, da empatía necesaria para emprender tempos novos, moito máis abertos e de todos. Non, aos demais enténdennos parias do deserto, perdidos nas nosas miserias mentres eles moven os fíos do gran teatro do mundo.

“Queren guerra e aranceis, queren que ‘todo o mundo’ pague por ser amigos deles ou senón, que se ateñan ás consecuencias”

O certo é que a nós trocáronnos o ritmo e as velocidades, mesmo os latexos dos corazóns. De momento temos a preocupación das imaxes, a preocupación dos movementos sociais, das armas que ser reviran á razón e ao dereito. Veñen armados até os dentes. Queren guerra e aranceis, queren que “todo o mundo” pague por ser amigos deles ou senón, que se ateñan ás consecuencias. As consecuencias sempre serán malas, con esta xente, porque en realidade son seres malignos de por si, que viven a costa dos demais e por riba dos demais, que emporían todo facendo que todo se cuantifique en dólares e submisas moedas os novos mercados do mundo, sexa polo seu lado ou sexa polo lado chino. Para nós é un pesadelo todo isto, estabamos medianamente tranquilos, algúns tamén felices a voltas cos soños. Si, soñando horizontes novos e novas liberdades, mesmo na consecución de novos dereitos igualitarios, desa xustiza que nos seguise igualando e amparando dos abusos.

Mesmo repoñéndonos da propia historia, errada tantas veces. Agora eles personifican o abuso e farán gala del, serán abusadores e “democráticamente” elixidos. Anque non sexan donos do mundo, farán coma que o son. De momento comezaron nesa contradición de volverse tan fascistas como aqueles nazistas de outrora, os que combateran e que aínda ecoan en ruídos brutais e barbaridades, os que tanto mal fixeron a tanta xente, os dos campos de exterminio, os dos fornos crematorios, os dos campos de concentración, aqueles mesmos de experimentos para a morte e o terror. Os do espanto e arrepío, os do pánico e pavor.

Aí están, veñen de novo e queren acabar con todo aquilo no que, máis ou menos, cremos nalgún momento aínda sendo moi mellorable. A historia volve xogar connosco desde os elásticos tempos que se permiten regresar, noutras circunstancias pero regresan. Que mágoa. Canto tempo perdido!.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.