Ponteareas/Esquerda Unida | Esquerda Unida de Ponteareas considera unha boa nova o feito de que no anteproxecto para definir a mellor solución para unha conexión entre a estrada N-120 e a autovía A-52, á altura do núcleo de Ponteareas, desbotárase a proposta inicial dunha vía paralela ao río Uma.
“A circunvalación contemplada no PXOM pendente de aprobación e que Esquerda Unida rexeitou (…) xa non será unha opción”
Deste xeito, a circunvalación contemplada no PXOM pendente de aprobación e que Esquerda Unida rexeitou en todo momento pola súa grave afección ao entorno do rio Uma e por pasar a 50m da Ponte do Cabalón, xa non será unha opción. O dito anteproxecto contempla tres alternativas de enlace, denominadas Corredor 1, 2 e 3. Os corredores 1 e 2 parten dende a A-52, ao oeste da estrada provincial que cruza Guláns. O corredor 1 conéctase coa N-120 á altura de A Rocha e O picoto e o corredor 2 conéctase coa N-120 á altura da Lomba.
Por outra parte, o Corredor 3 parte dende o enlace actual da A-52, en Moreira, cruza o río Uma en perpendicular de xeito que se reduce a afección sobre o espazo da Rede Natura 2000, transcorre ao oeste do lugar de O Cabalón e se conecta coa N-120 á altura do IES do Barral. Polo tanto, podemos dicir que con este anteproxecto o entorno do río Uma vese menos ameazado que coas propostas anteriores.
Aínda así, con respecto ao Corredor 3, sorpréndenos que neste estudio non se tivese en conta a alternativa prevista polo PXOM de desdobramento da PO-403 polo este do lugar de Abelleira. Deste xeito desviaríase o tráfico da estrada en Angoares, co que se podería adaptar este tramo para o uso peonil, incorporar un carril bici e así fomentar a mobilidade sostible entre Angoares e Ponteareas.
Esta nova entrada a Ponteareas conectaríase con dúas novas avenidas que, partindo desde o sur do colexio Bouza Brey, conectarían coa N-120 xunto a gasolineira e co polígono da Lomba. Como explicamos no seu momento, esta alternativa crearía un acceso directo dende a A-52 ao núcleo de Ponteareas, desconxestionaría un tramo de concentración de accidentes na PO-403, tería un efecto de cosido da trama do núcleo e suporía ao mesmo tempo unha transformación do entorno de menor intensidade. Todas estas cuestións foron trasladadas por EU ao Ministerio de Transición Ecolóxica na fase de consultas do proxecto.
En todo caso, consideramos unha mellora esta nova proposta e lembramos tamén o compromiso do estado de urbanización da N-120 ao seu paso polas parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo.
Sobre esta cuestión consideramos que ademais das rotondas propostas, débense construír sendas peonís en ambos lados da estrada unidas con pasos de peóns con semáforos accionados con pulsador e un carril bici para fomentar os desprazamentos co núcleo por este medio.
Con todo, dende Esquerda Unida lembramos que a nosa opción pasa por reducir o uso do transporte individual, fomentando o transporte colectivo e o emprego no propio concello e o uso da bicicleta nos desprazamentos de corta distancia.