Ponteareas | Esquerda Unida de Ponteareas apoia a reivindicación dos sindicatos CCOO e UGT dunha retribución complementaria para o persoal dos Servizos Sociais do Concello de Ponteareas.
Hai que ter en conta que nestes momentos de emerxencia provocada pola pandemia do coronavirus, os Servizos Sociais, xunto cos sanitarios, constitúen un piar fundamental para garantir o benestar de todas as persoas.
Se de algo está a servir a actual crise sanitaria, é para deixar aínda máis clara a importancia dos servizos públicos e a dignidade do traballo realizado polas traballadoras e traballadores destes sectores. O persoal dos Servizos Sociais está permanentemente exposto a situacións de risco no desenvolvemento do seu traballo, polo que nas súas retribucións debería estar contemplada esta situación.
Esquerda Unida considera que a aprobación dunha retribución complementaria ao persoal da Residencia de Maiores, de Axuda no Fogar e de todo aquel que está a dar apoio neste momento á poboación máis vulnerable é unha cuestión de recoñecemento e dignificación do seu traballo e esforzo. Nestes momentos de urxencia queda demostrado que as súas tarefas son esenciais para o desenvolvemento da sociedade.
Por isto, Esquerda Unida reclama ao Alcalde de Ponteareas que atenda ás reclamacións sindicais como unha forma de recoñecer o traballo do persoal municipal.