Miremos un pouco o que pasa no exterior para tentar clarificar o que sucede internamente. Este 25 de outubro asumiu un novo primeiro ministro en Gran Bretaña, Rishi Sunak. Tralo protocolario acto de recoñecemento do novo goberno ante o rei Carlos III, Sunak adiantou que virán “tempos difíciles” por unha “aguda crise económica”. Ese mesmo día, a Auditoría Fiscal informou que España entrará en recesión “con dous trimestres consecutivos de caída do crecemento do PIB” previstos para finais de 2022 e comezos de 2023.
Por outra banda, un recente informe da consultora CE Spotlight considera que a guerra ucraína e as tensións entre EE.UU e China “reverterán décadas de globalización” e “reducirá os fluxos de investimentos e de tecnoloxía”. China, moi probablemente, entrará nunha recesión que afectará á cadea de subministros global, tal e como semella advertir o recente XX Congreso do PCCh que entronizou a Xi Jinping ás máis elevadas instancias de poder en Beijing.
Seguindo con este informe, o novo realiñamento de forzas a nivel global augura tamén que “a xeopolítica terá máis relevancia que o financeiro para as próximas décadas”. Unha recente investigación do Real Instituto Elcano e a Asociación Diálogo amosa diferencias estruturais no seo da UE, en particular entre franceses e españois, en temas estratéxicos como o apoio a Ucraína e o europeísmo e as medidas legais sobre a inmigración.
“E que fai o establishment político español ante os cambios que están operándose no sistema internacional? Pois prepararse para o 2023-24 electoral”
E que fai o establishment político español ante os cambios que están operándose no sistema internacional? Pois prepararse para o 2023-24 electoral. O presidente de goberno Pedro Sánchez anunciou que presentará a súa candidatura para presidir a Internacional Socialista. O foco do PSOE estaría en América Latina e os cambios políticos que alí están xestándose, particularmente Chile e Colombia.
Así mesmo, o principal líder da oposición, Alberte Núñez Feijóo, realizará unha xira por Iberoamérica co mesmo fin: captar votos da emigración ante as próximas citas electorais e pulsar o contexto de cambios hemisféricos. O seu sucesor na Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acaba de facer o mesmo por Uruguai e Arxentina. Con anterioridade, Feijóo visitou Bruxelas para “presentarse en sociedade” ante a UE. E non debemos esquecer que VOX, que estaría baixando nas enquisas preelectorais, ten tamén a súa axenda iberoamericana en marcha, a través do proxecto Iberósfera coa súa Fundación Disenso, trazando liñas estratéxicas coa “dereita dura” latinoamericana.
Pero se nos enfocamos na xeopolítica e os cambios tecnolóxicos que definirán os polos de poder global para este século, España (e probablemente tamén Europa) está á zaga deses principais centros de poder, que non son outros que EE.UU e China coas súas respectivas esferas de influencia.
No caso español non será por carencia de expertos xeopolíticos (temos o caso de Pedro Baños) pero sí bótase en falta maior investimento público e privado en I+D+i, unha aposta estratéxica de futuro que permitirá á sociedade española afrontar o inevitable cambio tecnolóxico e dixital que afectará as nosas vidas e á propia concepción do poder.
“A perspectiva de solución das nosas elites redúcese aos intereses políticos e electorais en xogo”
As elites españois só falan dos retos inmediatos, por demáis algo comprensible se damos conta das crises económicas en marcha, das dificultades para o emprego e das distorsións demográficas polo envellecemento da poboación, co seu consecuente peso no gasto público. Pero a perspectiva de solución das nosas elites redúcese aos intereses políticos e electorais en xogo. Pouca aposta por repensar o futuro de cara a este vertixinoso século XXI cos seus incertos e ás veces imperceptibles cambios por vir. Estamos preparados para iso?