Vigo | “En Vigo todo é posible”. Este é o lema de campaña coa que a abandeirada do Partido Popular de Vigo, Marta Fernández-Tapias, tamén Delegada da Xunta de Galicia na cidade olívica, competirá contra o actual alcalde Abel Caballero (PSdeG-PSOE) de cara ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio (28M)
No acto de presentacion da súa candidatura e do seu equipo electoral conformado por 27 membros e 10 suplentes aos que cualificou como “o Vigo que vén”, Fernández-Tapias estivo acompañada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o presidente do PP provincial, Luís López, a ex ministra e ex presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor e outros altos cargos do seu partido e do goberno autonómico así como por centenares de militantes e simpatizantes que abarrotaron o céntrico Teatro AFundación para apostar polo cambio político en Vigo.
Fernández-Tapias eloxiou a conformación dun equipo electoral “comprometido, plural e aberto á sociedade civil”, criticando así mesmo a “falta de diálogo, de liberdade e de respecto” por parte dun goberno municipal que “non coñece o xogo limpo” . Reivindicou a necesidade dun cambio e de abrir unha nova páxina para a cidade “tras 16 anos de goberno socialista”.
Explicou tamén as liñas básicas do seu programa electoral destacando o esforzo para que Vigo “volva a ser o motor de Galicia e a capital da Eurorrexión” así como construír espazos de mobilidade e sostibilidade, plan de tráfico, redución do IBI e “recadar o necesario”, creación de emprego e de 5.000 novas prazas de aparcamento, apostar pola cultura e impulsar un “gran pulmón verde” a través do “Bulevar Ría de Vigo” dende a Alameda ata o Areal. A candidata do PP de Vigo recoñeceu que “este é o reto máis importante e ilusionante da miña vida. Vigo está agardando a mellor versión do PP e esta lista o é. O 28M vai ser unha gran noite. En Vigo todo é posible”.
O presidente do PP provincial Luís López Diéguez, coloquialmente coñecido como “o Lugués”, foi o encargado de abrir o acto de presentación da candidatura de Fernández-Tapias. Explicou a necesidade dun cambio en Vigo que leve tamén a un novo goberno na Deputación de Pontevedra, non sen antes eloxiar a “valentía de Marta e do seu equipo” ante os constantes desprezos e ataques do goberno municipal.
Rematou o acto o presidente autonómico Alfonso Rueda, quen afirmou que Vigo “é a praza máis complexa e difícil” amosando a súa confianza de que, con Marta Fernández-Tapias como candidata “está chegando o punto de inflexión” para o PSOE tanto en Vigo como en Madrid: “O 28M xógase o futuro de España. Hai candidata e candidatura”.