Nos últimos tempos estamos sendo asulagados con informacións interesadas para que nos creamos sen rechistar que vivimos nun País perfectamente democrático. Que temos unha constitución perfectamente asimilable ás dos países da nosa contorna coñecidos como países democráticos, que soamente temos que “soportar” nunha parte do Estado a individuos que se atreven a “desafiar” este “paraíso democrático”. Para eles o Estado dispón de suficientes armas, e nunca mellor dito, que son quen de facerlles entrar en razón.
Claro que se nos atemos ao que está ocorrendo no resto desta pel de touro as cousas xa non están tan claras.
En canto a nosa Constitución sabemos que os lexisladores seguiron a teoría do constitucionalismo de impronta católica no que indica debe haber tanto Estado como sexa posible e só tanta sociedade como resulte necesaria, fronte ao chamado constitucionalismo protestante que nos ensina debe haber tanta sociedade como sexa posible e só tanto Estado como sexa imprescindible. Este matiz é fundamental á vista do que está ocorrendo.
Xa hai quen asegura que nos últimos tempos vimos perdendo dereitos democráticos dunha maneira continuada. Pouco a pouco, os gobernos que tivemos, sobre todo o que nos tocou sufrir nos últimos anos, veñen introducindo cambios na lexislación que van na dirección que antes apuntabamos: tanto Estado como sexa posible en prexuízo da sociedade. Efectivamente, asistimos ao secuestro de publicacións, á condena de raperos por letras de cancións que, se ben poderiamos considerar atrevidas, non podemos sacalas fóra de contexto e consideralas como atentados á Corona, exhaltación do terrorismo e non sei cantas cousas máis. Hoxe asistimos a un maior número de condenas por apoloxía do terrorismo que cando ETA mataba . Isto danos unha medida do que está ocorrendo coa nosa democracia.
Sen embargo, tamén asistimos a xuízos de feitos penais realmente dañinos para o País, para os seus habitantes, que ou ben non son condenados ou se impoñen condenas tan febles, tan “democráticas” que os culpables entran por unha porta e en pouco tempo (meses ou anos) saen pola outra, cando o dano feito á sociedade é moi superior ás letras do rapero ou a un libro sobre un narcotraficante que foi condenado por un montón de anos.
Esta sociedade, con este Estado que se nos vende como perfectamente democrático permite que os descendentes do Ditador (que aínda non foi sometido a ningún xuízo social e legal como lle ocorrera a outros en países á nosa volta) se permitan o luxo de poñer no mercado un pazo, o de Meirás, que foi “regalado” polos veciños da Coruña mediante “un imposto revolucionario” de si ou si contribúes con cartos para facerlle un agasallo ao ínclito Caudillo. Un ditador que se nos vén vendendo como home austero e sobrio pero que non se nos di que, procedendo dunha familia militar, cos soldos que os militares tiñan por aqueles anos, deixou aos seus familiares multimillonarios. Como fixo? Todo o País lle regalou edificios, fincas de ata 33.000 has., pazos e casas solariegas, etc. Que foron vendidos, en parte, polos seus desdendentes por centos de millóns de euros? Como mostra da súa austeridade podemos dicir que no ano 1941, recén rematadas as atrocidades de guerra que propiciou asignouse un soldo de 700. 000 pts. anuais daquel entón. A renta per capita era entón de 5.765 pts. E vinte anos máis tarde, nos anos sesenta, o soldo dun Maestro era de 19.860 pts ano. Isto podo afirmalo con esta precisión porque foi o meu soldo cando tomei posesión da primeira escola que rexentei.
A que vén que hoxe lles fale de Franco? Pois ven a conto de que daquelas augas veñen estas lamas. En España aínda non se fixo unha limpeza en serio desta podremia que herdamos; que foi tapada por esa constitución tan “fermosa e intachable” que nos veñen vendendo, pola que hoxe sufrimos recortes democráticos impensables. Xa non falemos de que o 50% dos españois que están en paro viven en risco de pobreza. Un País que presume de ser a 4ª economía de Europa ten millóns de persoas a punto de pedir polas portas, como ocorría nos anos 40/50. Hoxe piden nos comedores sociais. Ao remate do 2017 tiñamos 3,8 millóns de parados; destes só o 58% cobraba algún tipo de prestación. E o resto como fai para comer e dar de comer aos seus fillos cada día? Claro que isto non é antidemocrático segundo as leis que figuran nos codigos civís e penais deste Pais. Alguén escribiu que aos parados españois habería que lembrarlles aquelas palabras de D. quixote ao seu cabalo : metafísico te vexo Rocinante!!, porque é realmente unha metáfora triste a vida desta xente.
Xa non lles vou falar das resolucións do Tribunal Supremo…. acorda que serán os pobres cidadáns que pidan en credito quen teñan que pagar todos os gastos. Evidentemente, nesta sociedade tan democrática hai que perservar a vida e os froitos da Banca; esa señora tan animada que nos chama a que a visitemos porque ten para nós “os mellores produtos para ser felices”. O peor é que somos millóns os que o cremos.
Outro dia, con máis vagar contareilles como poderiamos ser felices.Claro que sería noutro mundo, menos democrático pero máis humano.
Páseno ben, se poden.