“Esta será a lexislatura da ‘segunda transformación’ de Salceda”

A Alcaldesa Loli Castiñeira e o seu equipo fixeron balance do seu primeiro ano e medio de goberno municipal

Salceda de Caselas | “Xuventude e saneamento”. Estas serán as prioridades que a Alcaldesa Loli Castiñeira e o seu equipo de goberno teñen trazado desenvolver durante a actual lexislatura ata 2027, a que identificou como a da “segunda transformación” para Salceda.

O Centro Social A Devesa acolleu este 23 de xaneiro o primeiro almorzo informativo sobre o ano e medio de goberno que levan adiante os catro representantes de Movemento Salceda (MS) desde que asumiron esta responsabilidade en xuño de 2023.

A Alcaldesa, que ten tamén baixo a súa responsabilidade as carteiras de Vías e obras, parques e xardíns, limpeza, alumeado e urbanismo, estivo acompañada dos seus concelleiro/as Selene González Luis (Benestar social, igualdade, ensino, sanidade, comercio e industria, participación cidadá, formación e emprego, voluntariado); Marcos Troncoso Estévez (Axenda ecolóxica, saneamento, medio rural, mobilidade, transporte, de portes, mocidade e turismo); e Álejandro Rodríguez Canosa (Cultura, festexos, patrimonio, normalización lingüística, novas tecnoloxías, facenda, réxime interior, persoal, seguridade e tráfico) Cada quen realizou un resumo das iniciativas levadas adiante e dos proxectos que están por realizarse de aquí ata o final da lexislatura.

“Foi un ano e medio de intenso traballo, con relacións complexas coa oposición e un goberno en minoría. Pasamos de sete concelleiros aos catro actuais, o que obrigou a redobrar esforzos e a formar un equipo compacto” explicou Castiñeira.

“A estabilidade agora é visible” afirmou Castiñeira co respecto ao funcionamento da Corporación Municipal, informando que están traballando na redacción dos Orzamentos 2025 dotados de case 7 millóns de euros (actualmente é de 5M€) no que “agardamos que a oposición vote a favor”. Uns Orzamentos “equilibrados e con fondos propios” cunha “contención de gasto”, tal e como explicou o concelleiro Rodríguez Canosa pero atendendo as axudas e subvencións para os colectivos e a veciñanza.

“A estabilidade agora é visible (…) Foi un ano e medio de intenso traballo, con relacións complexas coa oposición e un goberno en minoría”

Como balance, a Alcaldesa destacou a “ampliación do IES Pedras Rubias con máis de 3.300.00€ e a necesidade de conseguir o bacharelato”; o proxecto de cambio de iluminación LED, “o máis democrático do noso Concello” porque chegou a tódalas parroquias, permitindo un importante aforro enerxético; a recuperación do espazo público da Carreira do Rollo; e a aposta polo deporte, co compromiso por mellorar as infraestruturas e iniciativas para a mocidade e a infancia. Cultura, educación, parcelación de terreos que permitan vivenda para a xuventude e benestar social foron tamén outras áreas destacadas.

Entre as prioridades para o que resta de lexislatura destacan alcanzar o galardón das Catro Flores para Salceda no marco do Certame Vilas en Flor; crear a Ruta Gastronómica dos Callos; a recuperación da Gala do Deporte e dos espazos naturais e patrimoniais; un Concurso de Ideas para a ampliación do Auditorio Municipal; a aposta pola vivenda social; completar o saneamento e a humanización das parroquias; a formación no emprego e a modificación na relación dos postos de traballo; unha maior dotación orzamentaria para a Policía Local e o mantemento do programa Axente Titor como protocolo educativo; a continuidade da Atención Temperá, do SAF e do programa “Xuntas” cos Concellos das Neves e Salvaterra; a aposta pola transversalidade dentro do recén aprobado III Plan de Igualdade; a reforma do Pavillón Municipal e o cambio de céspede do campo de fútbol.

Preguntada sobre o tema da valoración catastral, o mediáticamente denominado “catastrazo”, Castiñeira advertiu que o seu goberno mantén unha posición “discrecional e de prudencia” tomando en conta que este asunto está pendente de resolución xudicial. Indicou que “o PP e o BNG politizaron negativamente” este tema. “Tratouse de polemizar unha situación en vez de buscar unha solución”, finalizou a rexedora.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.