O ministro ruso de Exteriores Serguéi Lavrov advertiu que “o risco dun conflito nuclear é grave e real”. O conflito ucraíno, cada vez máis atascado, xa leva dous meses de duración. EEUU, a OTAN e a UE xa non esconden que asisten militarmente a Ucraína, toda vez en Rusia fálase da mobilización xeral.
Sexan asertivas ou disuasivas as súas palabras, Lavrov pón na mesa a tensión in crescendo entre Rusia e a OTAN, que non sabemos se non ten retorno. Xa se viron ataques ucraínos dentro do territorio da Federación rusa toda vez comezan a observarse outros na república de Transnistria, enclave prorruso entre Moldavia e Ucraína.
Diversos estrategas militares advirten dunha segunda fase da guerra na que Putin podería atacar a países membros da OTAN tales como as repúblicas bálticas, Polonia ou Romanía. O cumio da OTAN de Madrid previsto para finais de xuño pode certificar unha nova ampliación da Alianza Atlántica, neste caso cara países tradicionalmente neutrais como Suecia e Finladia, hoxe ameazados por Putin.
“A perspectiva desta guerra nuclear fortalece o poder dos ‘falcóns’ militaristas”
A perspectiva desta guerra nuclear fortalece o poder dos “falcóns” militaristas dende Washington ata Moscova, Kiev, Bruxelas e incluso Beijing e Tokio. Tres décadas despois do final da “guerra fría” e da disolución da URSS, volven a proliferación nuclear e a desaforada carreira armamentista.
Porque Asia non está fora de perigo. Aquí temos, entre outras, a tensión nuclear na península coreana e entre India e Paquistán, así como o conflito soberanista por Taiwán que involucra directamente a China e EEUU.
Washington impulsa un pacto con Gran Bretaña e Australia orientado a cercar a China no sueste asiático. E a guerra ucraína certificou a “asianización” de Rusia, que se afasta cada vez máis de Occidente por mor das súas sancións mentres se achega económica e militarmente a potencias emerxentes como China, India, Turquía e Irán.
A peor crise nas relacións entre Rusia e Occidente dende a dos misiles de Cuba de 1962 coloca ao mundo en vilo. Non sabemos se Ucraína é un apéndice da III Guerra Mundial “en cámara lenta”. Pero quizáis é máis asertivo considerar que os “falcóns”, os partidarios da “liña dura”, están de regreso.
“Volve a guerra convencional, a que se fai contra Estados, forzas armadas, territorios, sociedades, pero agora con tecnoloxías máis avanzadas”
Volve a guerra convencional, a que se fai contra Estados, forzas armadas, territorios, sociedades, pero agora con tecnoloxías máis avanzadas e mecanismos tamén híbridos de desinformación e ataques cibernéticos. Para estes “falcóns”, tanto gasto en armamento ten que ter algunha “saída” que consolide a súa “raison d`être”.
En Ucraína acabouse definitivamente esa noción de “guerra contra o terrorismo” e das “guerras asimétricas” que Al Qaeda anunciou co derrube das Torres Xemelgas en 2001 e que propiciou tamén a guerra de Iraq en 2003. Esas “guerras” non convencionais involucraban a unha imperceptible e líquida rede de “yihadistas”, “milicianos” e “lobos solitarios” que non precisaban de gobernos, territorios nin forzas armadas para atacar.
Aos “falcóns” de toda a vida non lles gusta esas guerras. Queren as de sempre, as que se fan contra inimigos perceptibles, visibles e incluso estáticos. E queren, por certo, seguir mantendo os seus “oficios” militaristas a costa do sufrimento dos civís. Así e todo teña que ser activando o botón nuclear.