Santiago de Compostela | Cumprindo coas expectativas, a XVIII Asemblea Nacional do BNG realizado este domingo 1º de decembro na capital galega elixiu por maioría absoluta a súa voceira nacional Ana Pontón ao fronte da directiva nacional cun 84,14% dos votos e 16 postos na nova directiva nacional.
Os seus rivais Noa Presas (Movemento Arredistas, 12,35% dos votos) e Gustavo Barcia (Plataforma Alicerce, 3,5% dos votos) obterán dous e un postos respectivamente nesa nova directiva de 19 membros.
Ao fronte do BNG desde 2016, Pontón enfila o camiño para alcanzar o goberno na Xunta de Galicia nas eleccións autonómicas previstas para 2028. “Imos a por todas” asegurou unha convencida Pontón durante o seu discurso, un ton reivindicativo consolidado polo “mellor resultado de todos os tempos” alcanzado nas eleccións autonómicas de febreiro pasado con 25 deputados e “1.400 militantes máis”. A voceira nacional asegurou que o BNG configúrase como a única alternativa política ao actual goberno na Xunta. “O PP sabe que en Galiza só ten un rival, o BNG”, indicou Pontón.
O seu discurso reivindicativo, en gran medida coa intención de neutralizar o comunicado crítico coa súa xestión publicado previo ao Congreso Nacional por parte da UPG, foi igualmente patente ao indicar que, “cunha maneira diferente de facer política”, o BNG baixo a súa xestión demostrou que “cunha política nacionalista podemos chegar a amplos sectores da sociedade galega, próxima ás preocupacións da sociedade” esgrimindo aquí a vivenda, o emprego e a ecoloxía.
Defendeu tamén a composición feminina e feminista do seu equipo directivo e prometeu nesta nova etapa “un novo estatus de nación” para Galicia” e “1.000 primaveras máis para o galego”.Pontón tamén tivo palabras de solidariedade co pobo palestino que arrancou emocionantes vítores entre a militancia confirmando a vocación internacionalista e antiimperialista do BNG.
Esta Asemblea Nacional aprobou, cun 97,37% dos votos, o Informe de Xestión da actual directiva así como o Relatorio (teses política e de organización) cun 96,77% dos votos. Estas teses marcan a “folla de ruta” do BNG nesta nova etapa, comprometéndose á elaboración dun Plan Nacional de Traballo Municipal 2025-2027” que lle permita ampliar a súa base electoral e de representación política nos Concellos. Entre as propostas destacan tamén “liderar o cambio na Xunta en 2028”; “un novo estatuto político de nación para Galiza”; a defensa da lingua e a soberanía fiscal.