Ponteareas | O pasado venres, día 25 de outubro, o Auditorio Reveriano Soutullo acolleu a presentación dun novo libro do investigador Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, titulado “O falar das campás”. O acto que contou coa presenza do alcalde, Salvador González Solla, estivo presidido polo concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, quen puxo de manifesto a importancia dos traballos deste tipo, que recollen aspectos ata agora non coñecidos e que forman parte do noso patrimonio. Así mesmo, o estudoso estivo acompañado polo tamén investigador Ángel Cerrote Álvarez, quen loubou a carreira investigadora de Estanislao Fernández de la Cigoña, antes de pasar a propia disertación do escritor, quen analizou polo miúdo todos os aspectos relacionados coas campás das parroquias de Ponteareas, sacando á luz un mundo descoñecido, mesmo para os propios investigadores, e onde se fala por primeira vez dunha serie de fundidores establecidos en Ponteareas durante todo o século XIX.