O artigo 155 da vixente Constitución faculta ao Goberno do Estado para intervir o Poder autonómico no marco da autorización que lle outorgue o Senado. Inspirouse na “coerción federal” do artigo 37 da Lei fundamental de Bonn (norma constiitucional alemá) e non constitúe un título competencial para anular, suspender ou suprimir os Gobernos e/ou Parlamentos autonómicos, nin moito menos para disolver éstes e convocar eleccións.
Outros ordenamentos federais ou de Estados compostos, como as Constitucións italiana e austriaca si prevén a posibilidade de suspender ou anular Gobernos e Parlamerntos territoriais en casos extremos. Mais as normas constitucionais española ou alemá non, senón que prevén con carácter aberto a posibilidade de intervir as Institucións autonómicas, a medio mesmo do resgate temporal de determinadas competencias, pero non constitúen autorización ningunha para que os Gobernos centrais ocupen as Institucións territoriais ou destitúan ninguén. De feito, o Congreso que aprobou a Constitución rexeitou unha emenda presentada pola AP de Manuel Fraga para lle outorgar ao Goberno do Estado a facultade de disolver Parlamentos ou cesar Autoridades autonómicas. Unha decisión que amosa nidiamente a intención dos constituíntes.
Cómpre clarexar que estes argumentos foron xa publicados hai anos por relevantes xuristas unionistas como José María Gil-Robles y Gil Delgado ou o profesor García de Enterría. Nos últimos días foi tamén a tese do Consell de Garantías Estatutàrias da Generalitat, o mesmo que declarou ilegal a aprobación das leis catalás de referéndum e transitoriedade. Velaí as evidencias desta arbitraria inconstitucionalidade. Porque, mesmo que se declararan consonte co artigo 116 da Constitución o estado de excepción ou o estado de sitio esta declaración non podería nunca disolver o Parlament nin cesar o Govern.
A aprobación deste 155 ven de liquidar as poucas garantías de autogoberno para Galicia e demáis nacionalidades, definidas na Constitución e nos Estatutos. O Goberno do Estado, seguindo a Carl Schmitt, ven de se situar por riba da Constitución ao lexislar sobre o estado de excepción á marxe da mesma, enviando a mensaxe de que, no futuro, os Gobernos autonómicos poderán ser cesados e os Parlamentos autonómicos disolvidos.
Deste xeito, ráchase coa garantía constitucional da blindaxe das Institucións de autogoberno das nacionalidades do Estado español na súa autoorganización e funcionamento. Sabíamos xa que o ámbito competencial do autogoberno non estaba blindado e que foi continuamente baleirado estes anos con profusa lexislación recentralizadora. Mais agora recondúcese o dereito á autonomía política a unha mera descentralización administrativa. A autonomía política de Galicia ou Catalunya xa non é sagrada en termos constitucionais. Agora é unha mera concesión outorgada.
Como pasou coa reforma do artigo 135 (que priorizou o pagamento da débeda pública sobre o financiamento da sanidade, a educación e demáis servizos públicos) outravolta o bipartidismo dinástico (agora feito tripartito coa inestimábel achega de Cs) rachou coas regras de xogo. Porque o que pasou cos esta aplicación do artigo 155 afecta substancialmente ao dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución. Desaparece, de feito, a garantía da autonomía recoñecida nese artigo.
As forzas unionistas veñen de aprobar unha mutación constitucional fundamental sen abrir melón ningún. O Estado das Autonomías morreu xa. Non sabemos o que virá, mais polo de agora semella que imos cara unha recentralización e renacionalización española moi potentes, moi pouco diluídas en formas de descentralización puramente administrativa.