De cara ás eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro (18F), qué propostas de acción exterior para Galicia teñen as respectivas candidaturas dos partidos políticos? Que visión teñen do mundo e do papel que Galicia debería desempeñar ante os cambios que estamos observando no plano internacional?
A Acción Exterior é un espazo pouco apreciado dunha axenda política galega cada vez máis mediatizada en clave estatal. Carece, por tanto, dunha visión que permita deseñar estratexias de inserción no mundo. Esforzos non faltaron. En 2004 o IGADI en colaboración coa Xunta creou o Libro Branco de Acción Exterior de Galicia, unha ‘folla de ruta’ encaminada a marcar a pauta para ser “nós no Mundo”. En 2018 a Xunta de Galicia aprobou a Estratexia de Acción Exterior que, vista a experiencia posterior, apenas acadou algún tipo de protagonismo.
Se temos que comparar con outras experiencias autonómicas de acción exterior, Galicia queda moi atrás. A diferenza, por exemplo, de Cataluña e Euskadi, ninguén dentro do establishment político, empresarial e institucional galego parece apostar polas vantaxes que ten a instrumentalización dunha acción exterior clara e eficiente para que Galicia poida “estar no mundo”. A acción exterior non é, por tanto, un activo que “venda” electoralmente.
“Non se observa que a acción exterior galega sexa unha prioridade para as respectivas candidaturas a presidir a Xunta”
A clave desta acción exterior non é só concentrar a atención na diáspora galega, o activo máis frecuentemente demandando pero focalizado en termos basicamente asistencialistas e escasamente de cooperación, de creación de lobbies que afirmen esa presenza exterior galega. O mundo está superando o primeiro cuarto deste século e abórdanse retos ineludibles: a dixitalización, a robótica, a intelixencia artificial coa súa consecuente transformación abrupta do mundo laboral; o cambio climático (esencial para Galicia polo seu entorno natural); as persistencia das desigualdades socioeconómicas; a proliferación de conflitos; o ascenso dos populismos ultras; o cambio sistémico de poder de Occidente a Oriente. E así podemos seguir infinitamente.
Neste mundo volátil e impredicible onde a xeopolítica e a xeoeconomía volven a ser releventes, ten Galicia unha política definida ante o emerxente peso de China e de Asia? Que posición mantén ante as actuais guerras (Ucraína, Gaza) e as que están por vir? Está capacitada para asumir a inevitable reconversión pós-post-industrial? A lingua, baza estratéxica da cultura galega, ten expresión e peso en ámbitos naturais como a Lusofonía? Temos unha xeopolítica marítima para os nosos portos? Pode Galicia avanzar en ferramentas “paradiplomáticas” que permitan prover unha cultura de paz, de resolución de conflitos, de cooperación exterior? Temos realmente esa capacidade e vontade política para ser “nós no Mundo”?
Visto o contexto electoral actual non se observa nas respectivas candidaturas para presidir a Xunta nos vindeiros catro anos unha aspiración prioritaria para outorgarlle á acción exterior galega un peso estratéxico dentro dos seus programas electorais. Seguimos, aí, nese ‘deserto’, nesa ‘terra de ninguén’. Perdendo oportunidades cando temos os alicerces necesarios para expresarnos no mundo e ter voz nesta transformación histórica que estamos vivindo.